O galego Antonio Macho continuará como decano do Consello de Químicos de España

O químico liderou a única candidatura que se presentou ás eleccións e manterase no cargo ata 2024
Antonio Macho. AEP
photo_camera Antonio Macho. AEP

O químico galego Antonio Macho Senra foi reelixido decano-presidente do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Químicos de España (CGCOQ), cargo que ocupaba desde 2016 e que seguirá ostentando durante os próximos catro anos.

O máximo representante dos profesionais da química en España é tamén presidente de Unión Profesional de Galicia, entidade que representa a corenta colexios profesionais da comunidade autónoma galega e a 65.000 profesionais colexiados de diferentes ámbitos. O representante dos químicos e o seu equipo tomarán posesión do cargo en Madrid nas primeiras semanas de 2020.

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España abriu o pasado mes de outubro un proceso electoral para elixir ao decano-presidente e á nova Xunta Directiva que levarán o temón da entidade ata inicios de 2024.

Antonio Macho liderou a única candidatura que se presentou ás eleccións celebradas na tarde deste venres en Madrid no seo do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España. Recibiu o apoio de oito colexios territoriais (61,5 por cento) dos trece entes colexiais que tiñan dereito a emitir o seu voto para renovar o máximo órgano de goberno do CGCOQ. A súa candidatura non rexistrou votos en contra.

Comentarios