Detidos tres homes por roubar dúas veces nunha vivenda de Ourense

Os arrestados son o fillo do caseiro da vítima, un cidadán australiano e outro portugués

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron a tres persoas como presuntas autoras de dous roubos con forza nunha mesma vivenda habitada no barrio do Vinte e Un de Ourense.

Os feitos tiveron o lugar o pasado 19 de abril cando unha muller comunicou que se produciu un roubo no interior da súa vivenda de aluguer. Unha vez no lugar, á Policía chamoulle a atención que a porta de acceso á vivenda non se atopaba forzada así como os danos en inmobles que cualificaron de inusuais "neste tipo de feitos".

Cando tomaron declaración á vítima, esta relatou que sufriría un roubo previo o 30 de decembro de 2017 e que cría saber quen era o presunto autor do mesmo, Segundo a súa versión, trataríase dunha persoa coa que chegara a un acordo mediante contrato asinado por ambos, onde se lle eximía do pago do aluguer do piso ata o ano 2021. 

Neste caso, a muller non presentou denuncia a pesar de que levaron un total de 10.000 euros e si do segundo roubo con forza, no que intentaron subtraer diñeiro e o documento que se formulou despois do primeiro roubo.

A Policía cre que a mesma persoa actuou en ambos os roubos xa que, no primeiro caso, o presunto autor era coñecedor de que podía haber diñeiro no domicilio mentres que no segundo roubo, actuou xunto con outras dúas persoas. 

Entre estas persoas, estarían o fillo do caseiro, que presuntamente involucrou na trama ao outro arrendatario, un home de oitenta anos, e unha terceira persoa que conseguiu acceder ao domicilio polo patio interior. 

A Policía impútalles a dúas deles un delito de roubo con forza mentres que atribúe á terceira persoa, dous roubos.

Os tres detidos -que quedaron en liberdade en dependencias policiais- son un home de 33 anos, natural de Ourense, outro de 48 anos, natural de Australia, e un terceiro, de 80, natural de Portugal, os cales suman numerosos antecedentes.