Galicia amplía as vacinas da gripe con alta carga aos inmunodeficientes

Estes pacientes terán doses extrapotentes e os nenos poderán inmunizarse vía intranasal
G
photo_camera O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, comparece tras o Consello. XUNTA

Os pacientes inmunodeficientes ou inmunodeprimidos, como os que seguen quimioterapia ou outros tratamentos agresivos, tamén recibirán as vacinas de alta carga contra a gripe en Galicia. Así o anunciou onte o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que suma este colectivo clínico, "un dos de maior risco", aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven en residencias, que xa recibiron esta dose reforzada na campaña que finalizou o pasado 26 de xaneiro.

Desta forma, aínda que a tempada de inmunización deste inverno acaba de rematar, o Goberno galego xa traballa na planificación da seguinte. A compra das citadas vacinas extraopotentes custará ao Sergas un total de 6,3 millóns de euros, cos que se adquirirán "210.000 doses para a vindeira campaña", explicou o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior á reunión co seu gabinete, onde englobou esta contía nunha partida de vacinas antigripais que ascenderá ata 40 millóns de euros na próxima campaña, o que supón unha alza do 40% respecto da tempada de inmunización que finalizou hai un mes.

A próxima tempada de vacinación antigripal contará ademais con outra novidade: unha vacina intranasal para nenos. Rueda destacou que así "poderán protexerse o vindeiro outono fronte a gripe sen precisar unha picada", aforrando un dos momentos máis temidos aos máis pequenos.

Tamén no ramo sanitario, a Xunta acaba de renovar o convenio coa Fundación Josep Carreiras para a loita contra a leucemia. O Executivo galego destina unha partida de 894.000 euros a que "calquer galego que precise unha medula ósea compatible a poida ter, buscando primeiro no noso país o acudindo ao resto de rexistros mundiais, se fose necesario", garantiu Rueda.  

Noutra orde de asuntos, o Goberno autonómico anunciou a convocatoria de axudas para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais como en vivendas particulares. Cun orzamento de 9,5 millóns, a liña de subvencións financiará "arredor de 1.350 vivendas de toda Galicia", con axudas de entre 6.000 e 18.000 euros, sempre que a construción sexa anterior a 2006. E que tipo de actuacións financiaranse? "A instalación de ascensores e salva escaleiras ou a adaptación de baños e cociñas", explicou Rueda.

O presidente da Xunta non cre que o exbarón do PP deba dimitir: "A Xustiza decidirá"

Preguntado polo caso do exbarón popular José Manuel Baltar, cuxo delito por conducir a 215 km/h motivou que a maxistrada do Tribunal Supremo Ana Ferrer reclamase este mércores un suplicatorio ao Senado para suspender a súa inmunidade e poder procesalo penalmente, Rueda considera que o tamén expresidente da Deputación de Ourense non debe dimitir do seu cargo do seu escano na Cámara alta.

Tras apelar á "presunción de inocencia", o xefe do Executivo galego cre que "é a Xustiza a que terá que decidir" sobre Baltar, "que debe someterse ao procedemento xudicial e ás súas consecuencias". 

Por outra banda, aínda que tamén no ámbito xudicial, Rueda aludiu ao caso Koldo e criticou ao BNG. Segundo el, os nacionalistas "están facendo a vista gorda co que está a acontecer; están a ser cómplices".

Rueda tacha de "ocorrencia" a proposta de Díaz para a hostalería

Ao redor da polémica xerada pola proposta da vicepresidenta Yolanda Díaz para acoutar a hora de peche dos restaurantes en equiparación a outros países europeos, Rueda tachou de "ocorrencia" este hipotético recorte horario.

Preguntado por AGN, o presidente da Xunta quitou ferro a unha proposta que ve "falta de seriedade". "[Yolanda Díaz] dixo que falou cos hostaleiros e non falou con ninguén", explicou. "Dixo o primeiro que se lle veu a cabeza para que non lle preguntasen polas eleccións galegas".

1200 lucenses, son os maiores de 65 que viaxaron gratis en bus na provincia en xaneiro, o primeiro mes desde a posta en marcha da gratuidade no transporte público para a terceira idade.

A inscrición para garderías abre o 16 de marzo e primará a pais con traballo

A inscrición para unha praza nas garderías públicas galegas, completamente gratis, abrirá o vindeiro sábado 16 de marzo, coa novidade este ano de que aumenta o baremo que se lle outorgará aos nenos de familias nas que ambos os proxenitores están a traballar. O prazo pecharase o venres 5 de abril.

A maior prioridade para os pais con ocupacións laborais é o único cambio da convocatoria de face ao curso que vén, explicou Rueda tras o Consello. "No curso actual, cada proxenitor que traballa recibe 7 puntos na baremación, e no vindeiro cada un deles recibirá 8 puntos. Polo tanto, unha familia na que traballan os dous proxenitores pasará de obter 14 puntos a 16", indicou máis tecnicamente. O obxectivo da modificación é obvia: "Dar máis vantaxes a aquelas familias nas que os proxenitores traballan" e que xa que logo teñen maiores dificultades para conciliar.

O total de prazas ascenderá o próximo período lectivo a 10.500 nun total de 175 garderías e as inscricións poderán realizarse tanto telemáticamente a través da sede electrónica da Xunta como presencialmente, achegando a documentación a un rexistro oficial.

Seguindo con medidas impulsadas desde Política Social, tamén se deu este xoves luz verde a unha nova convocatoria do programa da Xunta para achegar aos maiores galegos ao termalismo, cos beneficios físicos que iso leva. Con 300.000 euros custeará 1.262 prazas, nunha medida beneficiosa tamén para os balnearios de Ourense.

Comentarios