O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres que Galicia celebrará un funeral institucional pola morte de Gerardo Fernández Albor o próximo 23 de xullo ás seis da tarde na Catedral de Santiago de Compostela.
Así o avanzou o xefe do Executivo galego na entrada do tanatorio compostelán onde está instalada a súa capela ardente, e que a familia preferiu que fose un acto íntimo pero ao que asistiu a plana maior do PP.
Tras este acto privado, no que o cadaleito estivo cuberto coas bandeiras de Galicia, España e Europa, o Goberno galego decidiu levar a cabo un funeral institucional o próximo día 23 para que "as persoas que non puideron vir aquí" polas "capacidades moi limitadas" do tanatorio, poidan despedirse do primeiro presidente autonómico de Galicia.
O funeral será "onde a el lle gustase, na Catedral de occidente en Santiago de Compostela" no que espera a todos aqueles que queiran despedilo.
"Unhas horas antes da celebración do Santiago Apóstolo", dixo Núñez Feijóo.
Ademais, o PPdeG tamén renderá homenaxe á figura de Fernández Albor, que o próximo 7 de setembro cando el cumpriría 101 anos.
O presidente admitiu que "é unha pena" non poder celebrar con el esta efeméride pero asegurou que o partido así o fará "para celebrar o seu aniversario".
Tras iso, o presidente galego agradeceu as mostras de agarimo recibidas por parte de todos os partidos políticos e a cobertura dos medios de comunicación.
"Quixera agradecer a todos vostedes a cobertura deste feito, importante para Galicia" ao tratarse do que é "o primeiro presidente autonómico" e o "arquitecto da estrutura autonómica" vixente na Comunidade.
O actual xefe do Executivo autonómico, reiterou que se pode "dicir sen grandilocuencias que Galicia sería distinta" sen el.
Núñez Feijóo definiu a Fernández Albor como "un bo tipo e un pai desde o punto de vista político" que tivo unha "vida plena completa", durante "un século de vida con moitos quefaceres e moitas profesións" entre as que destacou "pilotar avións, operar en quirófanos, gañar eleccións e representar a Galicia en Europa".
Emocionado adeus a Albor, que será homenaxeado o día 23 na Catedral de Santiago
Na capela ardente, o seu cadaleito estivo cuberto coas bandeiras de Galicia, España e Europa
