Galicia lidera por quinto ano consecutivo a lista estatal de tramos viarios de risco

Lugo encabeza o ranking autonómico con cinco, aínda que a soada travesía da N-642 entre Ribadeo e Asturias xa non é a máis perigosa de España. Cede o posto a dez sinuosos quilómetros da N-541 en Ourense

Un tramo de la N-541. GOOGLE MAPS
photo_camera Os carriis de adiantamento da N-541 entre Boborás e Sonelle incrementan o seu perigo. EP

Galicia volve encabezar por quinto ano consecutivo o ranking de tramos de estrada de risco do estudo EuroRap, que publica o Real Automóbil Club de España (Race) todo o Nadal. E, como xa é tradición, a comunidade volve incluír un traxecto como o máis perigoso de España, aínda que este ano a soada travesía da N-642 entre Ribadeo e Asturias cede o primeiro posto a dez sinuosos quilómetros da N-541 entre Boborás e Sonelle, en Ourense. O mencionado traxecto mariñán pasa así a ser o segundo máis inseguro do país, seguido de cerca por un trazado de curvas da N-550 en Ordes que se coa nun pouco honroso top 5 nacional con ampla presenza galega.

O informe, que ademais da sinistralidade ten en conta factores como a visibilidade, o estado do firme, o peralte das curvas ou o número de sectores con adiantamentos comprometidos, non fai senón referendar a realidade á que cada día se enfrontan miles de galegos que ven obrigados a ter máis precaución ao volante que noutras comunidades. E é que a sinistralidade conxénita das vías da comunidade —con 85 mortes no que vai de ano— non obedece a que os usuarios beban, se droguen ou se despisten máis que noutros lugares, senón que o estado das estradas ten moito que ver, como reflexa o estudo.

Neste sentido, Race marca en vermello este ano 13 traxectos de estrada en Galicia, cinco deles en Lugo —a provincia con máis quilómetros de risco—, catro en Ourense, tres na Coruña e un en Pontevedra. En total non son máis que noutras comunidades como Aragón ou Castela e León, o que sucede é que os tramos galegos son máis perigosos segundo o índice de risco que calcula Race e, en xeral, acumulan máis mortos nas súas cunetas. Así, non é estraño que o top 20 estatal conte con sete trazados da comunidade, é dicir, o 35%. E dentro deles, preocupan especialmente os tres apuntados ao principio destas liñas por ser cualificados con risco "alto", Isto é, por superar os 90 puntos no índice. Ningunha outra comunidade ten tantos traxectos de extremo perigo como a galega.

Aínda que os oito quilómetros da N-642 entre Ribadeo e Vegadeo (Asturias) non rexistraron falecidos o ano pasado, si deixaron tres feridos graves, unha cifra considerable se se ten en conta que é un dos trazados que menos tráfico soporta de Galicia —menos de 3.000 vehículos transítano ao—día . Si houbo dous óbitos, en cambio, no tramo máis perigoso de España, o que une Boborás e Sonelle, ademais de sete lesionados de consideración. E no punto negro da N-550 en Ordes perderon a vida ata cinco persoas e nove resultaron feridas graves. 

SÓ CONVENCIONAIS. Tamén é reseñable que ningún tramo de autoestrada ou autovía figure entre os 61 que o informe considera perigosos en España. E iso que foron analizados 7.173,5 quilómetros de vías de alta capacidade, reseña Race, pero non atopou risco neles. Así, enténdese que comunidades con escasa dispersión xeográfica e xa que logo pouca utilización de estradas convencionais como Madrid non presenten ningún traxecto nesta lista, onde todos os tramos referidos son de nacionais.

Comentarios