Galicia segue reducindo os casos activos de covid e abandona o risco extremo

Máis de 200 persoas continúan hospitalizadas con covid na comunidade
Un cartel que recuerda el uso obligatorio de mascarilla en una tienda. EFE
photo_camera Un cartel que recorda o uso obrigatorio de máscara nunha tenda. EFE

Galicia deixou de estar en risco extremo por coronavirus, ao situarse por baixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Iso si, deixa atrás esa cota por pouco, con 248,95, e segue algo por enriba da media estatal (221,76). A baixada de nivel é posible porque se segue reducindo o número de persoas con covid-19 e o de hospitalizados —aínda que lixeiramente—, mentres que os contaxios chegan aos 334, cinco máis.

Atendendo aos datos actualizados este xoves polo Servizo Galego de Saúde, nos hospitais galegos hai 206 pacientes con covid, dous menos que na xornada anterior. Deles, 153 están en planta —tres menos— e 53 na Uci, un máis. A cifra dos ingresados nas unidades de críticos continúa sen baixar, do mesmo xeito que a de falecidos. Nas últimas horas sumáronse catro mortes, que elevan a 2.574 as rexistradas desde o inicio da epidemia. 

Mantense, con todo, a redución constante do número de casos activos, con 290 menos nun día, para situarse en 7.522. 

A taxa de probas que dan resultado positivo é do 7,65%, algo inferior á media española do 8,78%, segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Sanidade.

Por áreas sanitarias, todas rexistran descensos de casos activos, excepto Lugo que se mantén igual, con 1.402. A da Coruña, que é a que ten máis pacientes con infección activa, está en 1.871 (-122); e a de Santiago de Compostela, con 1.309 (-8) xa se atopa por diante da de Vigo, que queda con 1.250 (-97). Despois están a de Ourense, con 679 (-16); Ferrol, con 507 (-22); e Pontevedra, con 504 (-25).

En Galicia, administráronse 4.124.258 dose da vacina contra a covid-19 e xa hai 2.070.868 persoas coa pauta completa.

Comentarios