Galicia testará "o 100%" de profesionais do Sergas e completa as probas en residencias

Feijóo avanza que a comunidade disporá de 400.000 novos test e aposta pola detección precoz como mellor vía para previr rebrotes
Pasillo del servicio de urgencias del Hula. EP
photo_camera Pasillo del servicio de urgencias del Hula. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que o Servizo Galego de Saúde fará test de coronavirus "ao 100%" dos profesionais sanitarios e non sanitarios dos centros de saúde e hospitais "nas próximas dúas semanas". Apuntou, ademais, que a Administración autonómica "completou o varrido" nas residencias.

Co foco xa na desescalada, o presidente galego reivindicou a necesidade de xerar "confianza" e apelou, fronte aos rebrotes, ao diagnóstico "precoz". Con tal fin, insistiu en que se reforzará" a atención primaria e avanzou que Galicia disporá de 400.000 novos test, dos que 100.000 xa están en mans do Sergas.

O anuncio deses 400.000 novos test de dobre banda, doados pola multinacional galega Inditex, o realizou no marco da súa segunda comparecencia na deputación permanente do Parlamento galego. Unha cita na que Feijóo receitou "test, test e máis test" para afrontar o futuro máis inmediato no marco dunha pandemia que aínda podería dar lugar a "rebrotes", sobre todo "a partir de outono".

Fronte ás críticas da oposición, o popular volveu defender que a situación de Galicia é máis favorable que a doutras comunidades autónomas se se realizase "unha comparación homoxénea".

Galicia probou "con éxito" un sistema que permite analizar nun test as mostras de varios cidadáns

Á espera de desenvolver o proxecto de testar todos os profesionais do Sergas --incluídos os de limpeza, seguridade e mantemento--, os datos dispoñibles ata agora reflicten máis de 1.700 casos positivos entre os sanitarios, dos que case o 32% foron dados de alta. Segundo Feijóo, vixiouse "especialmente" aos profesionais que utilizaron máscaras defectuosas.

ESTUDO. O presidente da Xunta avanzou que a primeira fase do estudo epidemiolóxico do Sergas finalizarase este venres e que Galicia probou "con éxito" na área sanitaria de Vigo un novo sistema de procesamento agrupado de mostras de PCR. Segundo explicou, trátase dunha técnica coñecida como pooling, pioneira en España, e que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando "entre 10 e 20 veces a capacidade de avaliación actual".

Tras incidir na eficacia desta técnica, que terá "un grande impacto para testar a grupos de persoas en grandes centros de traballo", Feijóo defendeu que a tecnoloxía é "un elemento clave" para controlar a evolución da pandemia.

Comentarios