Galicia volve superar os 50 hospitalizados con covid e achégase aos 1.300 infectados

Unha sanitaria con mostras de probas PCR. XESÚS PONTE

Galicia detectou por sexto día consecutivo máis de cen contaxios por coronavirus nas últimas 24 horas, exactamente 136, o mesmo número que un día antes. Así as cousas, e tras dúas semanas cos casos activos á alza, chega aos 1.285 infectados, 106 máis que o día anterior, nunha xornada na que a comunidade volve superar os 50 hospitalizados.

Segundo o Sergas, ata as 18.00 horas deste domingo había na comunidade 53 enfermos de covid-19 hospitalizados, nove deles en unidades de críticos, un menos que o día anterior, e 44 en planta, oito máis. 

Desde o inicio da epidemia contaxiáronse en Galicia 184.502 persoas, das que se recuperaron 180.595 e faleceron 2.656, unha delas nas últimas horas.

Por áreas sanitarias, a da Coruña supera xa as 300 infeccións activas por coronavirus (317); a de Ourense está a punto (295) e a de Vigo supera as 200 (233) tras dobrar o número de afectados nunha semana, o mesmo incremento que se produciu na área de Lugo no mesmo tempo, que chega a 124 casos.