Achan un cadáver onde buscaban a Socorro Pérez dende hai un mes

A familia cre, ao "90%", que se trata dela, dado que a roupa atopada coincide coa súa. Todo parece apuntar a unha morte violenta e o mesmo día da súa desaparición

Jesús María Pérez, portavoz e primo da familia de Socorro Pérez, unha muller desaparecida en Ourense hai un mes, expresou este sábado o seu convencemento "ao 90%" de que o cadáver localizado esta mañá no monte próximo ao Seminario podería ser o dela.

O cadáver foi achado esta mañá pasadas as 09.30 horas nas inmediacións do Seminario da cidade, unha das zonas que centraban o rastrexo desta muller, cuxa pista se perdeu o 2 de maio pasado, aínda que falta por confirmar a súa identidade.

Segundo explicou o portavoz, foron uns cazadores, amigos do seu tío, os que atoparon o corpo sen vida á primeira hora desta mañá, logo de ver que uns corvos sobrevoaban a zona en círculos, o que lles fixo sospeitar de que alí había algo.

En todo caso, pediu prudencia porque "hai que deixar unha marxe para que a Policía poida traballar, xa que agora hai que facer a autopsia e realizar as probas de ADN", aínda que "todo parece indicar que os restos son os de Socorro Pérez", engadiu.

A muller, de 43 anos e veciña do barrio do Couto, saíu a camiñar o pasado 2 de maio e foi vista por última vez cando regresaba ao seu domicilio logo de facer deporte.

Desde entón, nin policía nin veciños acharan ata o momento ningunha pista.

Entre as hipóteses que manexan os investigadores figura que a muller morrese o mesmo día da súa desaparición, en base ao avanzado estado de descomposición do corpo, que non permitiu de momento a súa identificación.

O achado dunha malla negra fai sospeitar que os restos puidesen ser os desta ourensá.

O corpo foi achado "oculto por matogueiras", nun lugar que non era visible e que só se podía descubrir en función do vento ou estando xusto no lugar.

A familia insiste no seu parecer de que se trata dunha morte violenta e dubida así da posibilidade dunha desaparición voluntaria ou un suicidio.

"Aparentemente a contorna da miña curmá era unha contorna apracible, relaxada, coa súa vida laboral e familiar", explicou Pérez, quen recalcou que a muller non era unha persoa á que lle gustaba saír pola noite nin tampouco as redes sociais.

Tiña "unha rutina diaria moi transparente", abundou.

Está previsto que mañá se lle practique a autopsia ao cadáver á espera do que determinen os restos de ADN.

Comentarios