Ferida tras saírse da vía en Montederramo

Unha muller resultou ferida tras saírse da vía o vehículo que conducía cando circulaba pola estrada de Trives a Castro Caldelas, á altura de Loboreiro en Montederramo, informou o servizo de urxencias 112.

Efectivos do Grupo de Urxencias Supramunicipais (GES) de Castro Caldelas, tras ser alertados pola central, desprazáronse á zona e sacaron a muller do turismo.

Debido ao forte impacto, un poste de electricidade resultou afectado e impedía a retirada do automóbil, polo que foi preciso apontoar esta estrutura para evitar a súa caída.

Ao lugar desprazáronse os bombeiros de Ourense e San Cibrao das Viñas e pediuse a intervención dos servizos sanitarios de Urxencia, a Garda Civil de Tráfico e o persoal da empresa subministradora de electricidade.

O 112 tivo coñecemento do accidente pola chamada dun particular que pediu axuda.

Comentarios