viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Un home dispara na boca a un can en Sober e foxe ao estranxeiro

Imaxe dun can. PIXABAY
Imaxe dun can. PIXABAY

O animal tivo que ser sacrificado debido á gravidade das súas feridas

Colectivos animalistas expuxeron este mércores a emisión da probablemente primeira orde de busca e captura contra unha persoa sospeitosa de cometer un acto de malos tratos animais con resultado de morte, en relación ao caso do can que sufriu un disparo na boca no municipio lucense de Sober  e tras o cal debeu ser sacrificado por mor da gravidade das súas feridas.

A Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera sinalaron que o presunto autor do disparo puido fuxir a un país estranxeiro –sospéitase que podería ser Rusia–, polo que piden que o Xulgado ao que se remitiron as dilixencias da investigación realizada por axentes de Seprona e a delegación territorial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, empregue esta ferramenta.

Os defensores dos animais subliñan que a gravidade do caso, onde o resultado brutal levou unha intervención veterinaria para paliar a dor do can, e o uso dun arma de fogo, son motivos suficientes para interpelar a outros estados para tratar de dar co autor do cruel acto de malos tratos, atendendo ao seu posible perigo contra outros seres vivos, incluíndo as persoas.

ALARMA SOCIAL. Neste sentido LIBERA e FFW expoñen que a orde xudicial debería ser unha práctica xudicial máis habitual neste tipo de situacións, atendendo a que os malos tratos animais, cause ou non a morte dos mesmos, é un tipo delituoso recollido no Código Penal, e xa que logo pode ser aplicable para evitar que a impunidade destes sucesos acabe favorecendo a súa repetición, como pode ser cos miles de abandonos que se reproducen en Galicia cada ano.

Ademais, a ONG tamén resaltaron a alarma social creada, onde o caso do can tiroteado foi noticia en multitude de medios de comunicación, o que xustificaría aínda máis a petición que realizan ao sistema xudicial para localizar ao presunto maltratador do can de Sober.

O autor do disparo enfrontaríase, atendendo ao artigo 337.3 do Código Penal, a unha pena de ata 18 meses de prisión e a inhabilitación para a tenencia, oficio, comercio ou profesión relacionada con animais durante un máximo de catro anos.

Un home dispara na boca a un can en Sober e foxe ao estranxeiro