Os hoteis galegos xa rexistran cinco reservas por cada cancelación

Pese ao repunte, Exceltur calcula que o sector perderá 3.126 millóns este ano na comunidade
Gente disfrutando del calor en la playa. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera A praia de la Fuente, en Vigo, abarrotada de xente en maio. SALVADOR SAS (EFE)

Aínda que os hoteis galegos xa rexistran cinco reservas por cada cancelación, segundo explicou este xoves o conselleiro de Turismo, a previsión de Exceltur segue sendo pouco prometedora: o sector perdería 3.126 millóns na comunidade este ano.

A Alianza para a Excelencia Turística (Exceltur) estima que o sector turístico español enfróntase a unha caída de actividade este ano duns 83.134 millóns de euros, cun retroceso do 54,5% sobre o ano 2019, e un millón de postos de traballo que poden verse afectados (ben por estar acollidos a Ertes ou ao desemprego). 

O lobby turístico revisou o seu escenario de previsión de resultados para o verán e o peche do ano, incluíndo os desfavorables impactos sobre a actividade e o emprego do Covid-19. Esta nova estimación apenas mellora un 10% o último escenario central que previran a partir do estado de alarma, con perdas de 92.556 millóns de euros. 

No caso galego, o grupo prevé unha caída do 46% da contribución ao PIB deste sector con respecto ao ano pasado, o que suporían perdas da contorna dos 3.126 millóns de euros. 

A nivel nacional, o turismo, nesta nova estimación revisada, explicaría o 57% da caída do 11,6% do PIB de toda a economía española previsto á súa vez en xuño polo Banco de España no seu último escenario de recuperación gradual. Supón así mesmo unha caída de 43.975 millóns nos ingresos en divisas fronte ao 2019.

MÁIS RESERVAS. Por outra prarte, os establecementos hostaleiros galegos están a experimentar un cambio de tendencia tras a paralización dos últimos meses por mor da Covid-19 e, de face aos meses de verán, rexistran xa case cinco reservas por cada cancelación producida. 

Así o explicou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que participou este xoves na xornada A crise da COVID-19 e o sector turístico galego: principais retos e liñas de actuación, organizada polo Goberno galego, o Grupo de investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo). 

DESTINO SEGURO. Na mesma liña, Román Rodríguez subliñou que a recuperación da confianza é "fundamental" para favorecer a reactivación desta industria, unha cuestión na que alentou a colaboración público privada á hora de adaptar os establecementos aos novos requirimentos de seguridade sanitaria. 

Dentro desta cuestión, chamou a atención sobre a importancia do programa Galicia destino seguro, a través do que o Goberno galego inviste preto de oito millóns de euros en diferentes actuacións para impulsar Galicia como "un destino fiable e de calidade" a través de accións de información e formación ás empresas, asesoramento e apoio económico para axudar aos negocios a adaptarse ás novas esixencias. 

A FEMP pide un pacto nacional polo turismo
O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, defendeu este xoves impulsar un pacto nacional polo turismo coa implicación directa das entidades locais e a participación das comunidades autónomas e todo o sector. 

Durante a súa participación na Comisión Plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, que contou coa asistencia do rei Felipe e da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, o presidente da FEMP defendeu a idea de destino seguro e o uso das novas tecnoloxías para manter a expectativa da tempada turística. Ademais, instou a non "dar nada por perdido", asegurando que "pospor sempre é mellor que cancelar". 

Comentarios