"Normalidade absoluta". As probas de selectividade deron comezo este mércores na comunidade galega cun clima marcado polos clásicos nervios do primeiro día.
A Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau) inaugurou a rolda de exames que afrontan máis de 11.000 alumnos ata este venres e na que os mozos tiveron que trasladar as súas reflexións e argumentos sobre violencia machista, a corrección política, a obra de García Márquez ou a II República, entre outras cuestións.
A proba de Lingua Castelá e Literatura II marcou o arranque da xornada, a partir das 10.00 horas, cun modelo de exame idéntico ao da antiga PAU: un fragmento dun texto ou artigo de prensa e diversas cuestións sobre o contido, a tipoloxía dalgunhas palabras sinaladas e outros temas de desenvolvemento teórico sobre os contidos literarios abordados durante o curso.
No caso da primeira opción dispoñible, un artigo de Almudena Grandes para o diario El País no que a autora aborda a diferenciación da violencia machista respecto doutras formas de odio e agresións, considerando que se trata dunha tradición criminal que esclavizou e maltratou á metade da poboación a favor da outra metade.
Os aspirantes tiveron que reflexionar e argumentar sobre as ideas contidas no texto, ademais de realizar un comentario crítico. Así mesmo, ademais de exercicios sobre sintagmas, frases nominais e subordinadas, a parte máis teórica do exame incluía unha análise de personaxes de La Fundación, de Antonio Buero Vallejo a través dun fragmento da obra.
Finalmente, a opción abordaba cuestións sobre a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX e o boom protagonizado por Borges, Cortázar ou García Márquez, na que se preguntaba ademais por trazos característicos das obras da época nun breve fragmento de Cien años de soledad.
A opción B, pola súa banda, estaba presentada por un texto de Muñoz Molina para El País no que se reflexiona sobre o debate entre a corrección política e a liberdade de expresión e da creatividade, nun momento no que parece que o odio é cada vez máis respectable ou lexitimo e a agresividade da linguaxe vai en aumento nos foros, as redes sociais ou a política.
Ademais dos exercicios relativos ao artigo, o exame propuña abordar o xénero literario de La verdad del caso Savolta, apoiándose nun fragmento da obra, ademais de disertar sobre as traxectorias poéticas de Antonio Machado e Juan Ramón Jiménez.
A proba estaba estruturada en dous partes: unha primeira de definición de diversos termos e sobre outras cuestións, como o Neolítico, os Reis Católicos, o pensamento ilustrado ou as crises baixo medievais; e a clásica composición dun texto histórico a partir de varios documentos incluídos.
Nesta ocasión, os alumnos poderían elixir entre realizar unha redacción sobre a restauración de Fernando VII e do absolutismo, a política seguida tralo seu retorno a España, a delimitación temporal e as características do Trienio Liberal e a Década Ominosa (opción A); ou abordar as grandes reformas da II República, sobre todo atendendo ás motivacións e o contexto do programa reformista, as principais medidas e as consecuencias.
A xornada conclué con Lingua Galega e Literatura II e Primeira Lingua Estranxeira II, ás 15.30 e ás 17.30 horas, respectivamente.