Rianxo recupera certa normalidade tras o caos causado polo primeiro gran lume do ano

O incendio que sementou o pánico no municipio e no veciño de Dodro puxo en risco a decenas de veciños e arrasou unhas 1.120 hectáreas. Xa se atopa controlado

Un vecino de Rianxo muestra una zona quemada próxima a su casa.LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Un hidroavión sobre o lume de Rianxo. LAVANDEIRA JR

O incendio que comezou a última hora deste luns nos municipios coruñeses de Dodro e Rianxo puido ser estabilizado tras calcinar 1.120 hectáreas, informa este mércores a Consellería de Medio Rural con datos recollidos ata as dúas desta tarde.

O lume, que se iniciou o luns pasadas as oito da tarde na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, foi controlado arredor das 22.00 horas deste mércores, polo que xa non hai ningunha fronte de chama activa.

Debido á virulencia das chamas, foi necesario decretar este martes a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade a núcleos urbanos, como o de Meiquiz, na parroquia rianxeira de Leiro, pero esta mañá foi desactivada.

No control deste lume mobilizáronse ata agora dous técnicos, 40 axentes, 40 brigadas, 28 motobombas, cinco pas, sete helicópteros, cinco avións e efectivos da Unidade Militar de Urxencias (UME).

VOLTA Á NORMALIDADE. Rianxo empezou este mércores a recuperar a normalidade tras a caótica xornada do martes, na que o perigoso incendio forestal causou graves desordes e puxo en risco a decenas de veciños. O violento avance da lumbre deixou paso ás imaxes de aldeáns supervisando o estado das súas leiras, xa que moitas delas foron pasto das chamas que arrasaron 850 hectáreas de terreo forestal.

Pola zona continúan despregados efectivos que levan a cabo labores de control dos rescoldos, aínda quentes e fumarentos, os cales se arrefrían con auga levada polos medios aéreos presentes. Mentres tanto, os relatos dos que presenciaron o discorrer do lume comparten varios puntos en común: o estremecemento pola voracidade e a velocidade á hora de expandirse, tamén de novo a escasa sorpresa polo sucedido a tenor do estado de sucidade do monte e a resignación ante a posibilidade de que se repita nun futuro próximo.

En apenas unhas horas, o lume estendeuse pola práctica totalidade da superficie forestal de Rianxo, á vez que se replicaba en varios focos que permanecían activos mentres o vento levaba as chamas sen control dunha parte a outra de forma constante.

Trátase do primeiro gran incendio forestal —a partir de 500 hectáreas calcinadas— en Galicia desde a vaga de lumes de 2017. 

A faísca dun cable de alta tensión puido causar o incendio, segundo a principal hipótese que baralla o Goberno galego

O rexedor indicou que os medios despregados "continúan" cos labores de extinción e puntualizou que apenas se ve chama, pero advertiu que "pode avivarse co vento".  Por iso, comentou que continúan os labores de extinción e nas últimas horas "houbo conatos de reprodución que foron atallados" polo persoal mobilizado. 

Así mesmo, o alcalde destacou que o instituto Félix Muriel e unha escola unitaria de Rañó, que tiveron que ser desaloxadas o martes por precaución, retomaron este mércores "con normalidade" a actividade. 

Este lume iniciouse ás 20.09 horas do luns na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro (A Coruña), por mor dunha faísca dun cable de alta tensión, segundo a principal hipótese que baralla o Goberno galego. A partir de aí a súa propagación foi moi rápida ata alcanzar ao municipio veciño de Rianxo debido ao forte vento do nordeste. 

OUTROS INCENDIOS. Os tres incendios forestais que nas últimas horas se orixinaron na provincia de Ourense foron extinguidos e deles o máis virulento foi o do Barco, dado que o saldo é de 121 hectáreas afectadas, 11 de monte arborado e o resto terreo raso.

A Consellería de Medio Rural informou na súa conta oficial de Twitter de que a superficie afectada en Calvos de Randín é de sete hectáreas de monte arborado, mentres que en Chandrexa son 70 de monte raso as que arderon.

O teléfono 085 está permanentemente habilitado para avisar de calquera incidencia relacionada cos lumes. 

Comentarios