Un incendio nunha nave de pitos deixa 17.000 aves mortas en Meis

O lume orixinouse de madrugada nunha granxa da parroquia de Armenteira
Nave avicola en Armenteira que sufreu un incendio esta madrugada
photo_camera Vehículo dos Bombeiros. TWITTER

Un incendio declarado na madrugada deste venres nunha nave dedicada á explotación de pitos, situada no municipio pontevedrés de Meis, calcinou por completo a primeira planta do inmoble e o tellado, o que provocou a morte de todas as aves, unhas 17.000, que estaban no seu interior. 

Segundo informou o 112 Galicia, este incidente tivo lugar ás 4,30 horas deste venres no lugar Cabeza de Boi. O servizo de urxencias recibiu a chamada de axentes da Garda Civil que alertaron dun lume nunha granxa de explotación de pitos na parroquia de Armenteira. 

Por iso, por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros do Salnés, aos voluntarios de Protección Civil da localidade e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose necesaria a súa intervención nalgún momento

Tras chegar ao lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procederon a atallar as chamas e controlaron o foco do incendio. Aínda que ningunha persoa sufriu danos, os 17.000 pitos que había na granxa morreron. 

Logo de finalizar a intervención, os bombeiros confirmaron que o lume calcinou por completo a primeira planta, das dúas das que se compón a nave, e afectou tamén ao tellado da edificación. 

Comentarios