Interceptada unha muller que circulaba cun patinete eléctrico pola AP-9 en Pontevedra

A muller, de 36 anos, accedera á autoestrada pola incorporación de Lourido e atravesou a mediana

Unha patrulla da Garda Civil interceptou na mañá deste domingo unha muller que circulaba pola AP-9, á altura da cidade de Pontevedra, cun patinete eléctrico. Segundo informa o instituto armado a través de Facebook, trátase dunha veciña da cidade de 36 anos que accedera á autoestrada pola incorporación de Lourido.

O patinete intervido na AP-9 á altura de Pontevedra. GARDA CIVIL
O patinete eléctrico intervido polos axentes. GARDA CIVIL

A Garda Civil detalla que, tras entrar na autoestrada, a muller atravesou a mediana da calzada e foi interceptada por dous motoristas do destacamento de Tráfico despois de que cruzase a ponte da ría en sentido Pontevedra. Foi ao redor das 09.45 horas e os motoristas necesitaron o apoio doutra patrulla para retirala da autoestrada.