Interceptados en Vigo dous taxistas que circulaban drogados

Proba de alcoholemia. DP
photo_camera Proba de alcoholemia. DP

Axentes da Policía Local de Vigo interceptaron esta fin de semana a dous taxistas que circulaban baixo os efectos das drogas, nun caso, e do alcol, no outro. 

Segundo informaron fontes policiais, na noite do sábado, axentes do 092 realizaron unha proba de alcoholemia a un taxista que circulaba pola rúa Cantabria. O chofer deu positivo, superando o mínimo penal, de modo que se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. 

Por outra banda, na mañá do domingo, unha dotación que patrullaba pola rúa Ramón Neto sorprendeu a un taxista cometendo unha infracción de tráfico. 

Cando interceptaron o vehículo, decatáronse de que o condutor presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos das drogas, e fixéronlle un test, que arroxou resultado positivo para cocaína e anfetaminas. 

Tan só uns días antes, a Policía Local había denunciado a outro taxista que, cunha clienta a bordo, circulara a velocidade excesiva, manipulando o móbil e cometendo diversas infraccións. 

A muller que ía no taxi gravou o ocorrido e permitiu a localización do condutor. Cando a Policía o someteu os correspondentes tests, estes deron resultado positivo en alcoholemia e drogas (cocaína e cannabis).