Investigada unha muller por unha suposta denuncia falsa polo furto de colmeas 

A Garda Civil comprobou que as moveu de sitio e non faltaba ningunha

A Garda Civil de Celanova tomou declaración, en calidade de investigada, a M.B.V, de 30 anos de idade e veciña de Ourense, como presunta autora dun delito de denuncia falsa. 

Segundo informou a Benemérita, a investigación ábrese en relación á denuncia formulada por esta muller o pasado 28 de marzo polo furto de 95 colmeas que ela dixo ter nunha leira da parroquia do Pereiro, no municipio ourensán da Mezquita. 

Tras realizar varias investigacións, a Garda Civil puido determinar que as colmeas as tiña repartidas entre outros tres colmenares da súa propiedade, polo que as moveu de sitio, e "non faltaba colmea algunha", informa o instituto armado. 

Comentarios