A neve deixa a 2.200 alumnos sen colexio e dificulta a circulación

As clases foron suspendidas en 37 colexios da montaña de Lugo e Ourense ► Hai problemas nas estradas das catro provincias ► O temporal comezará a remitir pola tarde

Un total de 210 incidencias foron rexistradas entre as 18.00 horas do domingo e as 08.00 horas deste luns en Galicia por mor da meteoroloxía adversa, que obrigou a suspender as clases en 37 colexios da montaña de Lugo e Ourense polas intensas nevadas, polo que máis de 2.200 alumnos non puideron ir aos centros educativos. A circulación en moitas estradas destas zonas é complicada.

Ao redor dunha quincena de incidencias foron rexistradas por este fenómeno nas últimas horas. Así, na Gudiña (Ourense), na A-52, no Alto da Erosa, numerosos vehículos, uns 30 ou 40 camións concretamente, quedaron atrapados pola neve. A estrada tivo que ser cortada ao tráfico desde as 19.45 horas do domingo ata preto das 01.00 horas do luns, cando xa se podía circular con normalidade.

A neve afecta á circulación dos principais accesos a Galicia desde a meseta, tanto en Pedrafita como no porto da Canda. Entre Pedrafita e Becerreá a circulación pola autovía A-6 é lenta este luns. Durante o domingo catro vehículos quedaron atrapados debido á neve. 

Nesta zona, é preciso o uso de cadeas na estrada autonómica LU-633 entre O Cebreiro e Triacastela en ambos os sentidos e está prohibida a circulación a autobuses, camións e vehículos articulados. En Baralla, un camión que transportaba gañado quedou parado na vía o domingo, cando circulaba pola LUP-0508. En Folgoso do Courel, membros do GES procederon a retirar a neve acumulada nos accesos aos pobos de Vilela e Noceda. 

Así mesmo, a neve dificultou o domingo a circulación na LU-651, á altura de Quiroga, segundo publicou a DXT na súa conta de twitter. O tramo afectado pola nevada esténdese desde o quilómetro seis ao 12, en ambos os sentidos. Son obrigatorias as cadeas ou pneumáticos de inverno, mentres que os autobuses, camións e articulados teñen prohibido o paso debido ao nivel vermello activado como consecuencia da nevada. 

INCIDENCIAS. Ata as 18.00 horas do domingo rexistráranse medio centenar de incidencias en Galicia e desde entón ata as 08.00 horas deste luns foron unhas 200. A provincia da Coruña foi a máis afectada cun total de 111 incidencias, seguida da de Pontevedra (44), Ourense (22) e para rematar Lugo con 19. A maioría debéronse á caída de árbores e ramas nas estradas galegas.

Por fortuna non hai que lamentar danos persoais. En Culleredo os bombeiros de Arteixo tiveron que retirar as tellas que caían á rúa desde un edificio de cinco pisos situado na Rúa Largo Caballero. Igualmente, houbo que cortar a circulación ao tráfico na Ponte Nova, na AC-549 , en Noia, polo desprendemento de chapas soltas na vía.

A neve tamén se deixou sentir no interior da provincia de Pontevedra, en Rodeiro, onde o domingo se decretou o nivel amarelo na estrada PO-533, á altura desta localidade da comarca do Deza. Está prohibida a circulación de camións e vehículos articulados.

E é que Galicia segue con aviso laranxa por intensas nevadas en Lugo e Ourense que deixarán máis de 30 centímetros de espesor en zonas de montaña e alerta laranxa no litoral por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de 7 a 8 metros.

RESCATADOS EN MANZANEDA. Os membros do Grupo de Urxencias Supramunicipal de Castro Caldelas tiveron que rescatar a catro persoas –dous adultos e dous menores– que quedaron atrapados no seu coche cando circulaban o domingo pola estrada que une Manzaneda e Paradela, en Ourense.

No tamén municipio ourensán de Muíños, efectivos do GES e axentes da Garda Civil colaboraron na procura dun mozo que se perdeu cando facía sendeirismo cun grupo de persoas. Finalmente, o mozo foi atopado en perfecto estado de saúde, a pesar de que estaba desorientado debido á neve e a néboa. 

A pesar de que as principais incidencias rexistráronse en estradas de Ourense e Lugo, tanto na Coruña como en Pontevedra se rexistraron granizadas puntuais que dificultaron o tráfico.

Comentarios