Localizado un octoxenario que se perdeu nun monte de San Xoán do Río

O home estaba desorientado nunha zona completamente nevada, aínda que se atopaba "en perfecto estado de saúde"

Un home duns 80 anos de idade que se perdeu na tarde deste xoves nun monte situado no lugar de Pedrazás, en San Xoán do Río, foi localizado polos servizos de urxencias pouco despois de recibir a alerta a través do sistema de atención da Cruz Vermella.

As coordenadas facilitadas pola organización axilizaron o proceso de procura, segundo informou a Central de Atención ás Emerxencias 112. O home estaba desorientado nunha zona completamente nevada, aínda que se atopaba "en perfecto estado de saúde".

O CAE 112 Galicia puxo en marcha o operativo ás 16.20 horas, cando recibiu o aviso, e avisou a membros do GES de Castro Caldelas. Tamén participaron os axentes de Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Comentarios