Máis de 1.800 opositores examínanse en Silleda para lograr unha praza no Sergas

Das vacantes ofertadas, un total de 1.010 corresponden á categoría de médico de familia

Oposiciones. LUIS POLO
photo_camera Oposicións ao Sergas en Silleda. LUIS POLO

Un total de 1.866 opositores dos 2.557 que estaban admitidos acudiron este fin de semana ao recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes á convocatoria do ano 2018. Estas cifras supoñen unha porcentaxe media de participación do 72,98%, segundo informou a Xunta nun comunicado.

Na quenda deste domingo pola tarde acudiron a examinarse as categorías de técnico superior en documentación sanitaria, dos que se presentaron 214 dos 269 admitidos, o que supón unha participación do 79,55%; e o grupo técnico da función administrativa, categoría na que se presentaron 177 persoas das 277 admitidas, o que representa un 63,9%.

Do número total de aspirantes admitidos para a realización das probas selectivas que se celebraron este fin de semana en Silleda, 1.010 corresponden á categoría de médico de familia, 277 á de grupo técnico da función administrativa, 774 á de grupo de xestión da función administrativa, 227 a enxeñeiro técnico e 269 optan a técnico superior en documentación sanitaria.

Neste proceso ofértanse un total de 286 prazas, das cales 241 pertencen á categoría de médico de familia, 18 ao grupo de xestión da función administrativa, 11 a técnico superior en documentación sanitaria, 9 a grupo técnico da función administrativa e 7 corresponden a enxeñeiro técnico.

O 53,34% dos admitidos teñen actualmente vínculo activo co Servizo Galego de Saúde. Como datos de interese, a Xunta subliña que o3,17 % dos aspirantes proveñen de fóra da comunidade autónoma galega, o 41,93% teñen menos de 40 anos, e o 68,36% do total son mulleres. 

Comentarios