O maquinista do Alvia, disposto a entrar no cárcere: "Síntome responsable, non culpable"
O monfortino Francisco José Garzón Amo pide perdón ás vítimas do accidente de Angrois: "Se teño que pagar, eu pago"
Na primeira entrevista concedida aos medios de comunicación seis anos logo da traxedia, Garzón recoñeceu en La Sexta a súa parte de culpa, pero sostivo que "antes de fallar" el "fallaron outros". Neste sentido, Garzón referiuse a Adif e, en parte, a Renfe.
Non me cansarei de pedir perdón. Perdón, perdón, perdón. Pero eu teño a conciencia moi tranquila
Con todo, asumiu que como condutor el era "o último elo" da cadea. "Non podo fallar, pero son humano. En todo momento o primeiro que pensei foi protexer o tren. No momento en que vou en tren eses son os meus pasaxeiros, teño que coidalos", explicou.
O maquinista de Angrois pediu perdón ás familias das 80 vítimas e os 144 feridos e asegurou que "se hai que entrar" a prisión "éntrase". "Non me cansarei de pedir perdón. Perdón, perdón, perdón. Pero eu teño a conciencia moi tranquila", dixo entre bágoas.
Está imputado por 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave
"HABÍA INTERÉS EN QUE EU SAíSE POLA PORTA PRINCIPAL". Na súa intervención en Liarla Pardo, Garzón denunciou a pouca "sensibilidade" que se tivo con el, cando tiña "un neumotórax e as costelas rotas". "Había un interese en que eu saíse pola porta principal con todos os medios", engadiu.
O pasado 3 de decembro de 2018, o titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela, Andrés Lago, deu por finalizada a investigación polo accidente do Alvia mantendo como únicos imputados ao maquinista e ao director de Seguridade na Circulación de Adif cando entrou en funcionamento a liña, Andrés Cortabitarte.
No auto, Lago Louro imputou ao maquinista e ao exdirector de Seguridade 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, e acordou a continuación das dilixencias previas polos trámites de procedemento abreviado.