Un menor de Ames denuncia que os seus pais o drogaron para queimarlle unhas tatuaxes do antebrazo

O mozo, de 17 anos, fuxiu a casa da súa noiva, en Laza, e presentou a denuncia

Un mozo de 17 anos, con domicilio no municipio coruñés de Ames, denunciou que os seus pais o drogaron cunha bebida e, unha vez durmido, lle queimaron unhas tatuaxes que tiña nos antebrazos. 

A denuncia foi presentada no cuartel da Garda Civil de Verín, mesma localidade onde tamén foi atendido no hospital. Os feitos ocorreron o 6 de agosto pola tarde. Ao espertar, o mozo fuxiu a casa da súa noiva, que vive na localidade ourensá de Laza, para o que tivo que coller un taxi. 

A causa xudicial abriuse en Santiago. Investígase se os pais cometeron un delito de malos tratos no ámbito familiar. Ao estar baixo custodia da nai da súa noiva, non ten a obrigación de regresar ao fogar paterno.