Miles de persoas percorren Vigo pola "dignidade da sanidade pública"

Manifestación en Vigo. TWITTER

Nunha das pancartas principais podíase ler "Pola Sanidade Pública. Xunta de Persoal"

Miles de persoas percorreron este xoves as rúas de Vigo nunha manifestación convocada pola Xunta de Persoal da EOXI pola "dignidade da sanidade pública" e baixo unha pancarta que dicía "Pola Sanidade Pública. Xunta de Persoal". Trátase da segunda manifestación realizada en Vigo en menos dun mes co obxectivo de que o Servizo Galego de Saúde poña a disposición de todos os traballadores "máis recursos e melloras na atención aos pacientes".

A marcha partiu pasadas as 20.00 horas do Punto de Atención Continuada (PAC), próximo á Praza de España, e dirixiuse cara á Porta do Sol, tras atravesar Gran Vía, Urzáiz, Colón e Policarpo Sanz. Á cabeza da manifestación ían os representantes dos traballadores do sector sanitario de Vigo e un pouco máis atrás atopábanse os representantes políticos.

Entre eles, o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez; o secretario dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero; o portavoz de En Marea, Luís Villares, ou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Iglesias; entre outros.

Todos coincidiron en culpar desta situación que atravesa a sanidade en Vigo ás políticas da Xunta de Galicia e concretamente, ao presidente, Alberto Núñez Feijóo. "Feijóo atenda, a saúde non se vende", "Privatización, é corrupción", "Feijóo escoita, os PACs están en loita", ou "Nin un paso atrás" foron algúns dos cánticos que se puideron escoitar nesta marcha.

Tras a manifestación, leuse un manifesto no que se deixou constancia de que a poboación da área sanitaria de Vigo é a que "máis riqueza crea en Galicia" e é a que peor "sanidade recibe" por non ter os recursos estruturais públicos tanto en Primaria como en Hospitalaria para cubrir a toda a poboación.

No discurso, tamén houbo alusión ao "déficit de recursos humanos" para cubrir as baixas e xubilacións do persoal. Ante esta situación, denunciaron a "responsabilidade política da Xunta e do seu presidente ao paralizar o proxecto hospitalario único que unificaba os servizos e centralizaba a Urxencia nunha porta única de urxencias, que daba cobertura a toda a poboación de referencia da área sanitaria de Vigo".

Os organizadores tamén criticaron os "recortes en persoal" que están a provocar "unha situación de deterioración dos servizos tanto de Atención Primaria como especializada". Por todo iso, esixen contratos dignos e estables no tempo, así como a inmediata apertura dunha mesa de negociación na que se recupere a Xerencia de Atención Primaria. Ademais, transparencia e "realidade nas listas de espera".

LISTAS DE ESPERA. Mentres, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, criticou que o Ministerio de Sanidade non convoque un MIR extraordinario que serviría para "dispor de máis profesionais" de Atención Primaria e pediatría durante "catro anos". "Discrepamos e despois cada un terá que asumir as súas propias responsabilidades", engadiu.

Estas declaracións fíxoas este xoves tras a reunión semanal co seu Executivo, despois de que este mércores se celebrara en Madrid unha reunión entre a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, e os dirixentes sanitarios autonómicos no Comité de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).

O Sergas presume das curtas listas de espera en Galicia
A demora para someterse a unha intervención cirúrxica en Galicia en decembro pasado foi de 61,6 días máis ou menos, o que supón case cinco días menos que os 66,4 do mesmo período do ano anterior e o mellor resultado de toda a serie histórica, segundo datos divulgados polo Sergas, que xestiona os hospitais públicos.

“Estes datos, os máis baixos de toda a serie histórica, consolidan a Galicia entre as comunidades autónomas cun menor tempo de espera”, apuntou en declaracións á prensa o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e sinalou que segundo o Ministerio de Sanidade, “a media estatal é de 106 días de espera”.