Miles de persoas saen ás rúas contra a Lomce

As protestas plasmaron, ademais, a división existente entre as dúas plataformas que aglutinan á maioría de entidades e asociacións ►Guerra de cifras entre Educación e convocantes

Miles de alumnos e profesores saíron á rúa este xoves en toda Galicia como parte dunha xornada de loita en todo o Estado, no marco da primeira folga xeral no ensino convocado este ano en contra a Lomce e a continuidade dos recortes no sistema educativo.

As protestas plasmaron, ademais, a división existente entre as dúas plataformas que aglutinan á maioría de entidades e asociacións que representan á comunidade educativa en Galicia, que convocaron un calendario de protestas separado.

GUERRA DE CIFRAS. A Consellería de Educación e os convocantes das manifestacións contra a LOMCE que este xoves se desenvolveron nas principais cidades galegas, achegaron cifras moi dispares en canto ao seguimento do paro nos centros sostidos con fondos públicos.

A xornada lectiva desenvolveuse con normalidade nos centros de educación, de forma que se garantiu a apertura dos mesmos para aqueles membros da comunidade escolar que decidiron non secundar o paro, "cun cumprimento total dos servizos mínimos", destacou a Consellería.

En canto ás cifras, Educación indica que a porcentaxe de persoal -docente e non docente- dos centros educativos financiados con fondos públicos que secundou a folga foi tan só do 11,42%, un dato moi afastado do que ofreceron os convocantes, que situaron o seguimento entre o 85% e o 90%.

Así se reflicte, sostén a Administración educativa, nos datos recompilados a través das xefaturas territoriais. En educación concertada o seguimento foi do 0,39%, sinala a Consellería.

Por provincias, os datos ofrecidos pola Xunta de seguimento nos centros públicos foron do 12,74% na Coruña, 8,5% en Lugo, 9,94% en Pontevedra e 12,74 % en Ourense.

En canto ao ensino concertado, o paro foi secundado polo 0,53 % na Coruña, 0,24 % en Lugo, 0,23 % en Ourense e 0,53 % en Pontevedra, indica Educación.

A Consellería lanzou un chamamento "ao entendemento", ao recordar que "neste momento está a acordarse un pacto educativo a nivel nacional, unha oportunidade para dotar ao país dun sistema educativo estable a longo prazo".

Este argumento foi rexeitado polo secretario nacional de CIG-Eensino, Anxo Louzao, que expresou o seu "rexeitamento ao pacto da educación, que non fai senón maquillar a propia Lomce".

Louzao esixiu a derrogación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa e o final dos recortes na educación pública, así como que se restitúan os dereitos profesionais e salariais do profesorado.

Así mesmo, demandou unha lei galega de educación, "que garanta a equidade, a inclusión e un ensino laico e galego".

Á Consellería de Educación, Louzao pediulle que "deixe de actuar como un apéndice do Ministerio e se aveña a elaborar unha lei de educación galega que satisfaga de xeito real as carencias do noso sistema educativo".

Nesta liña pronunciouse a portavoz de Educación do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, que esixiu a restitución "dos dereitos laborais do profesorado" e que se recupere "todo o cadro de persoal docente que foi destruído nos últimos anos coas taxas de reposición".

Pola súa banda, os estudantes reclamaron a súa participación na negociación do pacto pola educación que leva ao cabo no Congreso entre as forzas políticas.

Na manifestación central, celebrada en Santiago e que  arrincou da Alameda, houbo dúas convocatorias diferenciadas, por unha banda a da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, da que forman parte os sindicatos UXT e CCOO, e, por outro, a da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que apoia a central sindical CIG.

Comentarios