Morre un home ao caerse desde unha árbore nunha leira privada de Begonte

O suceso tivo lugar á primeira hora da tarde deste sábado

Máquina desde la que se precipitó el hombre. C.P.
photo_camera Lugar do tráxico suceso. C.P.

Un home de 48 anos, con iniciais F.A.Á., perdeu a vida na tarde deste sábado logo de caer da árbore que estaba a podar nunha leira privada de Begonte.

O falecido é natural da parroquia vilalbesa de San Lourenzo de Árbol, aínda que residía en Lugo. Segundo informan os servizos de urxencias, o home atopábase subido a unha cesta dunha pa cargadora para realizar labores de poda, cando se precipitou ao chan por causas que aínda se descoñecen.

Foi un particular quen ao redor das 13,00 horas deste sábado chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente para unha persoa que sufrira unha caída na Carballeira de Altide, na parroquia begontina de Trobo. Enseguida, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia deu aviso aos servizos sanitarios de urxencia, que enviaron ao momento un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Unha vez alí, iniciaron rapidamente os labores de reanimación, pero nada puideron facer por salvar a vida do home.

Para colaborar co equipo médico, desde o 112 Galicia, igualmente informouse aos membros do GES de Guitiriz e aos axentes da Garda Civil.