Morre un home en Cee nun novo accidente de tractor

Oficina do 112. ARQUIVO

Un home faleceu este venres tras sufrir un accidente en Cee co tractor que manexaba, que envorcou. Para poder acceder á vítima foi necesaria a axuda dos equipos de rescate, aínda que nada puideron facer por salvarlle a vida. 

Este sinistro produciuse apenas unhas horas despois de que outro home morrese —o xoves— nun sinistro cun tractor en Castrelo do Val.

No caso de Cee, a central do 112 Galicia informou de que pasaban uns minutos das 14.00 horas cando tivo constancia do sinistro a través da chamada de alerta de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Os profesionais sanitarios informaron de que unha persoa estaba baixo un tractor nunha parcela situada na parroquia de Brens, no lugar de Fadibón. 

O 112 informou aos bombeiros de Cee, así como aos axentes da Garda Civil e Policía Local, e aos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ata o lugar desprazouse un equipo médico que só puido confirmar o falecemento do home.