Morre un octoxenario rescatado da auga nunha praia de Cangas

O home foi trasladado con vida desde o areal de Nerga ao Álvaro Cunqueiro, onde faleceu

Un home duns 80 anos faleceu a última hora da tarde deste mércores no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde fora trasladado tras ser restacatado da auga na Praia de Nerga, en Cangas. Un helicóptero medicalizado do 061 trasladouno desde o areal ata o centro hospitalario vigués, tras preto dunha hora de labores de reanimación na praia.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13.05 horas, a través dos socorristas do areal morracense que, no seu relato, indicaban que o home se atopaba boca abaixo na auga e podería estar afogado, polo que solicitaban a presenza dunha ambulancia no areal.

Tras practicarlle a Reanimación Cardiopulmonar (RCP) durante case unha hora entre socorristas e outros bañistas que se atopaban neses momentos na praia, o home foi trasladado con vida, aínda que grave, ao centro hospitalario vigués.

Ao lugar do suceso tamén se nbsp;desprazou&unha ambulancia do 061 Urxencias Sanitarias, a Policía Local e Protección Civil. Ademais, o 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.