Morre o copiloto dun turismo que se precipitou á vía do tren en Arbo

O condutor do vehículo resultou ferido tras saír despedido

Coche accidentado en Arbo. EP
photo_camera Coche accidentado en Arbo. EP

Unha saída de vía no municipio pontevedrés de Arbo deixou na madrugada deste domingo un falecido e un ferido ao caer o coche no que viaxaban á vía do tren cando circulaban pola ponte que vai a Melgaço, segundo informou o 112 Galicia.

Un particular avisou pasadas as 04:00 horas e indicou que un coche se saíu da calzada e caera ás vías do tren.

Desde Urxencias alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil de Tráfico.

Así mesmo, informouse o persoal de ADIF Urxencias, que procedeu ao corte da catenaria para que o dispositivo despregado puidese traballar.

Efectivos de Protección Civil de Viana do Castelo comunicaron ademais ao persoal do 112 Galicia a saída dos Bombeiros e dos axentes da G. N. R. de Portugal cara ao punto.

Unha vez no lugar dos feitos, cortada a catenaria e revisada a liña de tensión na vía, os Bombeiros de Ponteareas confirmaron que foi necesario excarcerar ao falecido, que era o copiloto.

O condutor do turismo, que pensan que foi o que chamou ao 112 para pedir axuda, tras o impacto saíu despedido e resultou ferido leve.