Unha moza falece tras caerlle unha pedra na cabeza nas Catedrais

O suceso ocorreu nunha das covas do areal ► A praia permanecerá pechata ata o luns

Zona de entrada a As Catedrais, acordonada tras o suceso. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Zona de entrada a As Catedrais, acordonada tras o suceso. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unha moza de 25 anos de idade faleceu este sábado na praia ribadense das Catedrais cando estaba a visitar o areal. Segundo as primeiras informacións dispoñibles, a muller chegara en compañía doutras persoas a coñecer a praia cando accedeu a unha das numerosas covas que existen na mesma. Nese momento unha pedra desprendeuse do alto do cantil caendo sobre a moza e golpeándoa na cabeza, provocándolle a morte de forma instantánea.

Ao momento enviouse un aviso do sucedido á Garda Civil, Policía Municipal e Protección Civil de Ribadeo, que actuou rapidamente para sacar o corpo da cova debido a que, de non telo feito, quedaría alí atrapado pola marea, que estaba xa subindo cando se produciron os feitos e non tardaría en selar o acceso á cova na que se atopaba o corpo da moza.

Posto xa nun lugar seguro, quedou á espera da chegada do xuíz de garda e o forense para o levantamento do cadáver. Estaba previsto que se trasladase a Lugo para practicarlle a autopsia antes de enviar o corpo a Valladolid cos seus familiares.

Trátase da primeira vez na que sucede un episodio tan grave na famosa praia ribadense, xa que ata o momento só se produciu algún resbalón con algunha rotura ocasional ou xente que quedara illada nos illotes e tivo que esperar mentres non volvese baixar a marea, á marxe dos rescates que puidesen facer os socorristas.

Si se produciron desprendementos pero durante o período invernal e en momentos nos que non había ninguén na praia e que quedaron simplemente nunha curiosidade. A Xunta colocara nalgúns puntos uns pequenos carteis de aviso de posibles desprendementos que, ata hoxe, non se chegaron a producir. 

A PRAIA PERMANECERÁ PECHADA ATA O LUNS. O acceso á praia quedou pechado ao público como mínimo ata o vindeiro luns.

Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa Garda Civil realizarán este domingo unha inspección da zona para determinar as causas do suceso que causou a morte á moza vallisolitana.