Falece un veciño do Incio ao quedar atrapado por un apeiro de cortar leña

Varios veciños, no lugar do accidente. VILA

Os bombeiros de Sarria encargáronse de liberar á vítima, na parroquia da Cervela

Un veciño do Incio de pouco máis de 40 anos de idade faleceu na tarde deste mércores na parroquia da Cervela cando se atopaba xunto á súa vivenda cortando leña cun apeiro enganchado ao tractor.

O accidente produciuse sobre as 16.30 horas no lugar de Airexe, ata o cal se desprazaron os bombeiros do parque comarcal de Sarria para liberar á vítima, que quedara atrapada.

Acudiu tamén un equipo do 061, que xa na puido facer por salvar a vida deste veciño, cuxo corpo foi trasladado para a práctica da autopsia, que confirmará as causas do falecemento.

A Garda Civil colaborou cos bombeiros e participou no operativo por este suceso, o cal causou un profundo pesar na zona.