Unha muller perdida pasa a noite nun monte en Ponteceso cos axentes que foron a rescatala

As condicións do terreo e a falta de seguridade obrigáronos a esperar ao día

Central del 112 en Galicia. EFE
photo_camera Central do 112 en Galicia. EFE

As condicións do terreo e a falta de seguridade obrigaron a unha muller que se perdeu en Ponteceso e os seus rescatadores a pasar a noite no monte. Os dous axentes da Garda Civil que acudiron na procura da muller acompañárona ata o amencer, cando puideron volver a casa, en Ponteceso.

Foi sobre as 22.30 horas do luns cando saltou na central do 112 Galicia un aviso a través da aplicación Alpify 365 correspondente a unha persoa perdida en Monte Branco, preto da praia de Valarés. A muller saíra a pasear co seu can e non era capaz de recuperar o camiño habitual de volta á súa casa.

Coas coordenadas que facilita a aplicación, o persoal do 112 púxose en contacto coa Garda Civil, que comezou a busca por unha zona frondosa de Cospindo. Atoparon a muller pouco despois, en perfecto estado de saúde, pero a volta complicouse debido á inestabilidade do terreo, polo que o equipo de rescate decidiu pasar a noite no monte.

Con suficiente roupa de abrigo, a muller e os seus rescatadores esperaron ao amencer para retomar con mellores condicións o camiño de volta a casa. Á primeira hora da mañá do martes, un equipo do GES de Ponteceso en coordinación coa Garda Civil achegou á veciña e aos seus rescatadores máis roupa e bebidas quentes.    

Comentarios