Unha muller resulta ferida grave tras sufrir un accidente en Malpica

Un particular alertaba á primeira hora deste domingo de que un coche saira da vía e que unha muller se atopaba tendida na calzada con diversas lesións

Unha muller resultou ferida grave como consecuencia dun accidente de tráfico rexistrado na estrada de Malpica a Carballo, concretamente na parroquia malpicá de Cerqueda, segundo informa o 112.

Sucedeu pasadas as nove da mañá deste domingo, cando un particular alertaba de que un coche saira da vía e que unha muller se atopaba tendida na calzada con diversas lesións.

Tamén apuntou a posibilidade de que o coche comezase a arder debido a un fume que saía pola parte dianteira. Pouco despois os servizos de urxencias comprobaron que se trataba do fume do radiador do coche, pero non había indicio de incendio. 

Pola súa banda, os profesionais sanitarios atenderon á muller, que presentaba lesións importantes nos brazos e nas pernas. 

Coa fin de descartar máis feridos, os equipos de urxencias revisaron ao redor do vehículo e non localizaron a máis posibles ocupantes.

Neste operativo participaron os Bombeiros de Carballo, membros do GES de Ponteceso, voluntarios de Protección Civil de Malpica e axentes da Garda Civil e da Policía Local.