A neve causa 65 incidentes en estradas e obriga a cortar o Corredor de Noia

Varios vehícus quedaron atrapados no viario que une a localidade coruñesa e Santiago de Compostela

A acumulación de neve e a formación de placas de xeo causaron 65 incidentes nas estradas galegas desde o oito da tarde deste martes e ata as once da mañá deste mércores, entre os que destaca o corte puntual ao tráfico no Corredor de Noia, onde varios vehículos quedaron atrapados.

Fontes de Emerxencias 112 informan das incidencias que atendeu por mor da neve, entre elas as rexistradas no Corredor de Noia, onde ademais un camión quedou atravesado na vía pero non se rexistraron danos persoais.

Esta estrada viuse afectada pola presenza de neve en varios puntos, tamén nos accesos desde o Concello de Rois, un municipio que sufriu os efectos deste episodio de meteoroloxía adversa noutras vías, como a DP-7402, onde algúns vehículos tiveron problemas para avanzar. Así mesmo, sobre as 10.00 horas un condutor de autobús escolar avisou de que se quedou parado por mor da neve en Val do Dubra con 18 alumnos a bordo.

Os mozos, en perfecto estado de saúde, puideron chegar finalmente ao seu centro educativo, o CPI Bembibre, en vehículos do servizo municipal de Protección Civil.

Tamén houbo problemas na rede viaria no concello coruñés de Mesía, que provocaron a retención dun autobús de transporte escolar e, na Laracha, concretamente na AG-55, dous vehículos saíronse da vía tras caer unha forte granizada.

Finalmente, só o condutor dun dos vehículos implicados tivo que ser trasladado a un centro médico para someterse a un recoñecemento médico.

Comentarios