Noa Presas reclama á Xunta máis medios para facer fronte aos incendios

Acusa ao Goberno galego da "desprotección" da provincia de Ourense e de confiar a política antiincendios "ao azar e o bo tempo"

Noa Presas. AEP (ARCHIVO)
photo_camera Noa Presas. AEP (ARQUIVO)

A deputada do BNG na provincia de Ourense, Noa Presas, reclamou este xoves ao Goberno galego máis medios para facer fronte aos incendios forestais tras criticar a "absoluta inacción" desta Administración logo da vaga de incendios rexistrada o pasado ano. 

Nun acto simbólico celebrado esta mañá diante da Delegación da Xunta, acompañada de representantes da comarca de Valdeorras, a deputada ourensá reclamou á Xunta de Galicia que poña en marcha todos os recursos dispoñibles e, en concreto, pediu que se abra a base de helicópteros de Vilanova e máis motobombas para os concellos. 

A Xunta "o último ano non fixo absolutamente nada para reformar la política antiincendios, algo que afecta de forma específica a Ourense, territorio que máis veces arde" e con máis superficie ardida, proclamou Presas.

Recordou que das case 62.000 hectáreas que arderon o ano pasado "máis de 30.000 foron na provincia de Ourense", polo que censurou "a desprotección" da provincia en materia de incendios, situación da que responsabilizou á Xunta de Galicia. 

PREVENCIÓN. A nacionalista acusou ao Goberno dirixido polo PPdeG de confiar "toda a súa política antiincendios ao azar e ao bo tempo" tras denunciar que "non houbo nin política de prevención nin hai agora unha mellora dos recursos humanos ou materiais de extinción". 

En primeiro lugar, manifestou que a Xunta "non fixo os deberes en canto a prevención" e tamén denunciou incumprimentos nas franxas de protección e que non se recuperaron aínda as brigadas móbiles, "un mecanismo moi importante de atención temperá en canto a extinción". 

"Non queremos un setembro e un outubro negro outra vez", resolveu Presas, quen considerou "inadmisible" que non estea aberta unha "base" que definiu como "estratéxica para a comarca" de Valdeorras a fin de atender os incendios, polo que solicitou non só que se reabra "canto antes a base e se faga operativa senón que tamén introduza reforzo tanto de recursos materiais como humanos". 

"Aínda hai marxe para tomar medidas urxentes", apuntou a deputada, quen reprochou á Xunta que "criminalice" aos veciños polos incendios no canto de destinar máis "recursos e diñeiro". 

Comentarios