A nova vida xacobea da N-547
A A-54 está chamada a baleirar a nacional Santiago-Lugo de coches e camións, pero non de vida. A particularidade desta vía é que por ela discorre o Camiño, que dá para comer os numerosos establecementos a pé de asfalto
A N-547 sería xa unha estrada pantasma se por ela non discorrese o Camiño Francés. Orfa case por completo de coches e camións desde que hai un mes abriu o tramo da autovía A-54 entre Lavacolla e Arzúa, o novo mapa viario abocaríaa á mesma sorte que a N-VI ou a N-525: a que os bares, tendas e hostais que a circundan acabasen fenecendo, e con eles calquera signo de vida.
Ésa é a pregunta que lanza ao aire, como un dardo envelenado, o encargado dunha gasolineira no Pedrouzo. El é o único dos comerciantes da zona preocupado polo baleiro de vehículos. E é que o seu negocio, polas súas características, é a cara máis amarga da moeda. "Eu xa sei que non poderei vivir dos peregrinos, pero invito a todos os que cren que si a que digan o mesmo no inverno", desafía sen ocultar o seu enfado. "Non quero falar máis", di.
Un redactor prefire non mencionarlle que Google Maps non recoñece aínda o recentemente inaugurado tramo da A-54 e que segue enviando os usuarios pola nacional, pero que cando o faga a baixada de tráfico será aínda máis pronunciada. E iso que agora pasan dous coches de media cada minuto, segundo puido constatar AGN nun percorrido pola N-547.
A HOSTELERÍA, CONTENTA. Que a aplicación actualice ou non o trazado pouco lle importa a Marcos Carril, propietario do restaurante O Pino, outrora abrevadeiro de camioneiros reconvertido hoxe en paraíso do gin tonic de media tarde para romeiros. "Tiña que decidirme e apostei polos peregrinos. Prefiro poñer copas e vinte pratos bos ao día, aínda que sexa durante uns meses, que andar tenso todo o ano servindo corenta menús de 9 euros", explica de viva voz debido á algarabía do local. É o único que fala en castelán, pero el está "encantado" na súa particular torre de Babel porque así practica "idiomas" e coñece "outras culturas".
Cafetería Ché 4: "Hai algún camioneiro habitual que leva días sen vir, pero podemos vivir sen eles. O groso son peregrinos e xente de aquí"
COMERCIO DE PROXIMIDADE. Despois están os tendeiros que levan décadas a pé de estrada e non se reorientaron cara aos peregrinos. O seu son os clientes do lugar e os arredores. É o caso da tenda de calzado Zocos, cuxa dona, Milagros, afirma que a nova autovía non lle afecta "en absoluto, como á maior parte dos comerciantes do Pino". "O señor de Arzúa ou de Lavacolla vai seguir vindo, e incluso máis comodamente ao non haber tanto tráfico. De feito cónstame que están moi contentos porque agora ponse aquí [no Pedrouzo] en pouco máis de 10 minutos e en Santiago en 20. E ademais sen radares", conta.
Pero non todos están tan convencidos, ás veces máis por incerteza que polo que din as contas. A dependenta da frutería Graíñas explica que vende "sobre todo a xente de aquí" e que recentemente, coa chegada da calor, colocou fóra un carro con froitas "para chamar a atención dos peregrinos". Nútrese, xa que logo, destes dous perfís, pero considera que "canto máis abarques mellor" e que ás veces "tamén paraba algún camioneiro". "Todo suma, esperemos non ter que botalos de menos", expresa.
Milagros, da tenda Zocos: "Que baixe o tráfico non me importa o máis mínimo. O cliente de Arzúa ou Lavacolla vai vir igual"
Moi preto da frutería hai unha tenda cuxa entrada flanquean un bastón coa cuncha de vieira e un maniquí coa tradicional vestimenta de camiñante. É un dos moitos establecementos de souvenirs que afloraron a ambos os dous lados da N-547 na última década, na que o Camiño se abriu ao mundo triplicando a súa afluencia. Sen entrar xa se podería adiviñar o posicionamento da dona, unha muller de Arca capaz de despachar á vez a un italiano e dúas francesas cando apenas chapurrea unhas palabras en inglés, segundo ela mesma recoñece. "A min dáme igual porque só abro catro meses ao ano, que é cando hai peregrinos", resume.
Preguntada polo presumible aumento da seguridade nas etapas do Camiño que discorren entre Arzúa e Lavacolla, consideradas de risco pola cantidade de atropelos que se producen, a súa resposta é canto menos elocuente: "Mira que vivo deles, pero moitas veces teñen a culpa. Xa hai pasos subterráneos para que crucen e teñen sendas peonís afastadas da estrada, pero para aforrar tempo a maioría empéñanse en ir pola estrada".
¿QUÉ DIN OS PEREGRINOS? Pero que mellor que interpelar os propios camiñantes. Luis, un alacantino que vén facendo o Camiño desde Sarria cun amigo, admite que "non oíra falar da autovía ata que mo mencionaches, pero vimos paralelos á estrada desde Melide e sorprendeume a baixada de tráfico que hai unha vez pasas Arzúa". Explica que despois "xa non hai practicamente camións" e iso é o que máis agradece, porque intimidan cando pasan ao teu lado, levantando vento".
Luis, peregrino alacantino: "Nótase un baixón de coches de Arzúa en diante. Así dá gusto"
O punto de inflexión ao que se refire Luis en Arzúa é o
Allea aos cambios na rede viaria galega móstrase, como é lóxico, unha peregrina italiana que acaba de cruzar a calzada nunha recta do Pedrouzo. Fíxoo con toda a calma do mundo e tras otear que non viña ningún coche a case un quilómetro de ningunha das direccións. "Va bene", pronuncia Bianca no seu idioma.
Pedro e Fina, veciños do Pino: "Hai a metade de coches que antes e iso é moi positivo para a vila. Podes pasear tranquilo"
O seu esposo, Pedro, calcula que "hai a metade" de vehículos ca antes, "tranquilamente", o que ve "moi positivo para a xente da vila, desde logo". A súa afirmación subscríbea José Luis, un operario do sector avícola que tamén vive na zona e que se mostra "agradecido a que abrisen a autovía" porque agora non ten que facer malabarismos para estacionar a súa furgoneta de traballo. "Antes había tanto tráfico que me paraba para aparcar e xa me pitaban, agora é perfecto".
"A VIDA DÁA A XENTE". José, outro veciño da zona, é máis taxativo: "É moito mellor así e non entendo que a xente de Arca poida ter dúbidas. Non son os coches os que enchen de vida a vila, senón a xente".
É o mesmo itinerario que percorren agora os usuarios que prefiren aforrarse a AP-9, aínda que no canto de incorporarse á A-6 en Lugo fano ao finalizar a N-634, á que acceden desde Santiago. Esta nacional pode ver o seu tráfico reducido cando a autovía estea concluída. Non así de momento, xa que o tramo Arzúa-Palas que hai que facer obrigatoriamente pola N-547 disuade de usar a A-54.
"Non se nota nada"
"Igual cando abran toda a autovía Santiago-Lugo nótase, pero de momento hai o mesmo tráfico", corrobora o empregado da gasolineira de Castrofeito, ao pé de N-634.
E é que de momento comezaron os traballos de aplanado da superficie en contados puntos do intinerario, como no que enlazará co tramo xa construído á altura de Arzúa, onde actualmente parecen entrar en stand by.
NIN RASTRO DE MÁQUINAS. As escavadoras e niveladoras que asentaron o terreo no seu momento abandonaron a zona e agora non hai outras máquinas á vista. Tampouco obreiros nin nada que deixe entrever que hai un proxecto en marcha máis aló de dous grandes paneis de Fomento.