Os novos contaxios de covid dispáranse a 111 en Galicia

Os pacientes hospitalizados descenden a 61 e a taxa de positividade aumenta a un 2,4% na Comunidade galega
Unha terraza ao sol en Pontevedra.  JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Unha terraza ao sol en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os novos casos activos de covid-19 disparáronse a 111 no conxunto de Galicia desopois de permanecer desde o inicio desta semana por baixo do centenar e os casos activos soben lixeiramente por primeira vez tras 25 xornadas consecutivas en descenso. Pola súa banda, os pacientes ingresados descenden a 61 -un menos-.

Segundo os datos publicados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste mércores, aumentan a 16 os pacientes covid en Uci -un máis- e descenden a 45 os doutras unidades -dous menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Pontevedra e O Salnés e Lugo; mantense nas de Ourense, Santiago e Barbanza e Ferrol; mentres que aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee e Vigo.

En concreto, na de Pontevedra e O Salnés queda un paciente covid en Uci -un menos- e permanecen seis noutras unidades de hospitalización; e na de Lugo segue un en críticos e descenden a dous os doutras unidades -dous menos-.

Polo seu lado, na da Coruña e Cee aumentan a sete os ingresados por este coronavirus en Uci -dous máis- e descenden a 18 os doutras unidades -un menos-, mentres que na de Vigo continúan dous en críticos e soben a oito os doutras unidades -un máis-.

Na área de Santiago e Barbanza segue un paciente covid en Uci e catro noutras unidades; na de Ourense hai un en críticos e dous noutras unidades; e na de Ferrol mantéñense tres e catro, respectivamente.

SOBEN OS CASOS ACTIVOS. En canto aos casos activos de covid-19 aumentaron lixeiramente a 1.355, nove máis, despois de acumular 25 xornadas consecutivas de descenso, ao haber menos altas (102) que contaxios (111). No entanto, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado -o día 15 dese mes había 1.337-.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden unicamente nas de Vigo (-10) e Santiago e Barbanza (-7), mentres que soben nas da Coruña e Cee (+9), Ourense (+9), Pontevedra e O Salnés (+3), Ferrol (+3) e Lugo (+2).

Así, a área da Coruña e Cee destaca á cabeza con 410 casos activos; seguida da de Vigo, con 264; Lugo, con 177; Ourense, con 154; Santiago e Barbanza, con 127; Pontevedra e O Salnés, con 127; e Ferrol mantense á cola, con 96.

REPUNTAN OS CONTAXIOS. Pola súa banda, os novos contaxios de covid-19 detectados por calquera tipo de proba en toda a Comunidade galega repuntaron a 111 e sitúanse por primeira vez desde o luns por encima do centenar, tras iniciar a última semana antes do verán con 56; ascender lixeiramente a 60 o martes e a 65 este mércores, o que supoñen 46 máis que a xornada anterior.

En concreto, no conxunto de Galicia foron confirmados 113 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 48 máis que a xornada pasada, dos cales 38 corresponden á área da Coruña e Cee; 23, á de Ourense; 17, á de Lugo; 11, á de Vigo; nove, á de Santiago e Barbanza; oito, á de Ferrol; e sete, á de Pontevedra e O Salnés.

Deste xeito, os contaxiados de covid ascenden en Galicia a 128.218, dos cales 30.785 corresponden á área da Coruña e Cee; 25.274, á de Vigo; 20.111, á de Santiago e Barbanza; 15.886, á de Ourense; 14.389, á de Pontevedra e O Salnés; 13.068, á de Lugo; e 8.705, á de Ferrol.

Desde o inicio da pandemia Galicia efectuou 2.318.614 PCR, que supoñen 3.813 probas máis que as contabilizadas até o día pasado e unhas 200 máis que as feitas a xornada anterior.

En canto á taxa de positividade, aumentou por encima do dous por cento até o 2,42%, despois de comezar a semana nun 1,1% e ascender lixeiramente a un 1,4% o martes e a un 1,5% este mércores. No entanto, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

FALECIDOS E CURADOS. Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.430 ao non notificar a Consellería de Sanidade vítimas por quinta xornada consecutiva.

De feito, os últimos óbitos notificados por Sanidade foron o venres pasado correspondentes a dúas mortes rexistradas un día antes, o 10 de xuño. En concreto, tratouse de dúas mulleres de 64 e 88 anos que permanecían ingresadas en Vigo e A Coruña, respectivamente. Ambas as con patoloxías previas.

Fronte a iso, 124.458 pacientes curáronse deste coronavirus no conxunto de Galicia, 102 persoas máis que as rexistradas até a xornada anterior.
 

Comentarios