Novos vídeos temerarios ao volante: cun mozo no capó en Negreira

A condutora, de 21 anos, xa foi identificada â?? A Garda Civil saúda a axuda de redes sociais para detectar infraccións

Á Garda Civil de Tráfico tamén lle toca "patrullar a través de internet", para descubrir infraccións en redes sociais cun traballo no que é importante "a colaboración cidadá". É máis, grazas a ela identificáronse condutores que subiron vídeos a internet, en ambos os casos por supostos delitos contra a seguridade viaria en estradas galegas.

Como detallou nunha rolda de prensa o tenente coronel xefe do sector da Agrupación de Tráfico de Galicia, Francisco Javier Molano, un dos casos é o do mozo dun vídeo que se fixo viral e que o mostraba conducindo a 201 quilómetros por hora nunha vía de Ponteceso limitada a 80. Pero hai máis vídeos, porque tamén se identificou unha condutora de 21 anos por condución temeraria nunha vía en Negreira, cun tramo sen pavimentar e outro pavimentado. No seu caso, circulaba cun mozo da mesma idade encima do capó

O tenente alertou de que unha conduta así supón un "perigo para a propia condutora" pola "perda de visibilidade" e tamén para a persoa que vai colgada por fóra, á que se lle pode aplicar unha sanción administrativa de 80 euros. Para a moza eses feitos poderían supor a retirada do carné de conducir e unha pena de prisión de seis meses a dous anos. Con todo, o caso está pendente de xuízo.

PONTECESO. O investigado pola súa condución en Ponteceso no pasado xullo xa foi xulgado. Tras identificalo —é un mozo de 24 anos localizado en Madrid— por un delito de exceso de velocidade, foi condenado esta semana oito meses de retirada do permiso de conducir e a unha multa de 480 euros. 

A Garda Civil revelou aínda outro caso: o dunha persoa que tiña un detector de radar que exhibía nos seus vídeos. "Isto é unha infracción administrativa, a sanción son 200 euros e detráense tres puntos", explicou o responsable da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia sobre as posibles consecuencias.

As distraccións están detrás de máis da metade dos accidentes
O tenente coronel incidiu na importancia da responsabilidade na estrada. "O ano pasado a distracción estivo detrás do 56% dos accidentes mortais en Galicia", subliñou. Destacou o perigo dos casos expostos e que deron lugar á correspondente investigación, a pesar de que porcentualmente, en relación aos delitos contra a seguridade viaria, son escasos. 

Atendendo aos seus datos, o ano pasado investigáronse 3.231 delitos deste tipo, dos que o 56%, un total de 1.848, foron por consumo de alcol excesivo ou con indicios de que se superaban os límites permitidos e 1.280 (39%) por carecer do permiso de conducir. Un total de 10 foron por exceso de velocidade e investigáronse 13 por condución temeraria.