O BNG apoiará alternativas ao PP pero non participará nos gobernos

A intención da formación nacionalista é desprazar aos populares do "poder municipal" ao considerar que é o "proxecto político máis nocivo para os intereses da cidadanía galega"
Xavier Vence comparece ante la prensa después de la reunión del Consello Nacional
photo_camera Xavier Vence comparece ante la prensa después de la reunión del Consello Nacional

O BNG apoiará con carácter xeral a formación de "alternativas ao PP" nas principais cidades galegas, "pero non participará no goberno" municipal, avanzou este sábado o líder desta organización política, Xavier Vence.

Nunha conferencia de prensa ao termo dunha reunión do Consello Nacional, o máximo órgano entre asembleas do BNG, reunido para analizar os resultados dos comicios municipais do pasado domingo, Vence indicou que a súa forza política "dará o voto favorable na investidura aos gobernos alternativos ao PP".


Non se pronunciou sobre casos concretos e xa que logo non tivo o seu reflexo o escenario de Lugo, onde a condición para a esquerda é que non sexa alcalde José López Orozco.

"O BNG vai gobernar por maioría absoluta trece concellos" galegos, comentou Vence, e sinalou que ademais hai "catro municipios nos que ten maioría relativa e outros dez nos que, a través dun pacto, haberá previsiblemente un goberno con Alcaldía BNG".

Manifestou, así mesmo, que "hai outros trece municipios nos que é posible, dependendo do proceso de negociación, que haxa participación no co-goberno con outras forzas".

Tamén considerou que o BNG ten a "oportunidade de entrar no goberno" das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, algo que ten "un valor importante", e puntualizou que a pesar de que o seu partido avoga pola "eliminación" desas institucións, "mentres existan, apostamos porque o seu funcionamento sexa plenamente democrático e contribúa ao reequilibrio territorial".

Ao ser preguntado sobre se o seu diálogo coas demais forzas incluirá ao PP, despois de que o presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, considerase esta semana que un pacto entre ambas as forzas sería "máis natural", Vence rexeitou tal suxestión.

O líder do BNG afirmou que a súa formación "non ten ningunha relación co Partido Popular", polo que "non hai ningún espazo para acordar" ese tipo de iniciativas.

Insistiu en que a intención do BNG expresada na campaña electoral e agora é "desprazar" o PP do "poder municipal" por considerar que é o "proxecto político máis nocivo para os intereses da cidadanía galega e do país galego no seu conxunto".


RESULTADOS "DECEPCIONANTES". 
Acerca dos votos obtidos polo BNG o pasado domingo, dixo que nas cidades, fóra de Pontevedra, foron "resultados modestos", aínda que en Vigo e Ourense foron "moi decepcionantes".


Por iso, subliñou Xavier Vence que o BNG trata de analizar "como renovar o contacto coa cidadanía" e situou como necesario un "diálogo coa base social transformadora, progresista e nacionalista do ámbito urbano" co fin de "concretar medidas para re-conectar con toda esa base social", especialmente coa mocidade.

Comentarios