O Comité Cidadán de Emerxencia de Reganosa di que a súa "capacidade letal" equivale a "120 bombas atómicas"

Cualifican de "fraude" e "asalto á legalidade" o proceso de tramitación da planta pola anulación do plan de urxencia exterior

Integrantes do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol cualificaron este venres de "fraude" e "asalto á legalidade" o proceso de tramitación da planta de Reganosa, en relación ás tres sentenzas do Tribunal Supremo que deron as costas á empresa situada en Mugardos. O Alto Tribunal anulou o pasado 26 de xullo o plan de urxencia exterior da planta, así como do Real Decreto da Xunta de Galicia polo que se aprobou en 2007, nunha sentenza que se sumou ás que anularon a autorización administrativa previa e o proxecto de execución das instalacións.

A empresa recordou que o plan de urxencia de 2007 anulado agora xa quedara derrogado ao aprobar outro a Xunta no ano 2013, algo que a plataforma cidadá rebaixa a simple "modificación". O coordinador do comité, Manuel Rodríguez Carballeira, explicou en conferencia de prensa que nestes momentos o que determina o Supremo é a "ilegalidade" da planta de gas, pois todo o proceso de tramitación ambiental e de seguridade foi "unha completa fraude".

Así, pormenorizou o porqué da última anulación do Supremo: "Por carecer o emprazamento de cobertura urbanística, porque non ten autorización administrativa previa e porque non ten autorización do proxecto de execución". "Non todas as empresas están obrigadas a ter un plan de urxencias exterior, pero si aquelas que teñen un nivel de riscos moi superior", detallou, e puntualizou que en Galicia hai dez deste tipo, dous dos cales están en Punta Promontoiro (Reganosa e Forestal do Atlántico).

Carballeira nomeou a normativa europea Seveso, que cualifica a seguridade en función do almacenamento e do perigo da sustancia que utilizan as instalacións, que está a ser "incumprida" pola compañía gaseira, dixo. No caso de Reganosa, sinalou, o perigo é "moi alto", cunha capacidade letal "inmensa", a mesma que "120 bombas atómicas", ademais de atoparse "a un paso" das 150.000 toneladas de gas do complexo petroquímico de Forestal e a menos dun quilómetro do núcleo urbano.

Unha vez coñecida a última sentenza, a empresa mugardesa asegurou que o plan vixente é o de 2013, non o de 2007, pero desde o comité cidadán detallan que é "tan só unha modificación", polo que é "tan perigoso como o antigo". "Reganosa incumpriu a lei durante todos estes anos co beneplácito da Xunta. Trátase dun acto de corrupción política e financeira", concluíu.

Os representantes do comité estiveron acompañados pola deputada de En Marea Yolanda Díaz, os portavoces municipais en Ferrol do PSdeG, Beatriz Sestayo, e do BNG, Iván Rivas, e polo concelleiro de Cultura da cidade, Suso Basterrechea (Ferrol en Común), en substitución do alcalde, que se atopa de vacacións.

Comentarios