O TSXG dá a razón á Xunta no expediente de reversión de prezos de parcelas do Ofimático

O fallo rexeita o recurso interposto por un demandante por "carecer de contido probatorio"

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou un recurso interposto contra a Consellería de Medio Ambiente en relación ao expediente de reversión de prezos de parcelas incluídas no sector 10 (Parque Ofimático) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

En concreto, o demandante impugnou a resolución ditada, en novembro de 2011, pola Consellería que rexeitaba "en alzada" a ditada en marzo dese ano polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no expediente de reversión de prezos incluídos no sector 10 (Parque Ofimático).

No seu fallo, a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende que o recurso "carece de contido probatorio". "Na medida en que non se sinala cal é a transcendencia para o demandante da suposta falta de correlación entre a data dos escritos", apunta sobre un dos argumentos do demandante. Tamén sostén que, por parte deste, "non se fai alegación normativa de ningún tipo, nin se xustifica a vulneración de dereitos". Ademais, rexeita que haxa infraccións de tramitación no expediente de determinación de "prezo xusto". 

Comentarios