A oficina do peregrino podería trasladarse en febreiro ou marzo ás novas dependencias

Feijóo destacou durante a inauguración do centro internacional de acollida de peregrinos que en 2015 poderíase "bater a marca" de camiñantes, coa chegada a Santiago de 250.000
El arzobispo, Julián Barrio, el presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, junto al alcalde, Martiño Noriega, y otras autoridades, antes de visitar el nuevo centro de acogida de Peregrinos
photo_camera El arzobispo, Julián Barrio, el presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, junto al alcalde, Martiño Noriega, y otras autoridades, antes de visitar el nuevo centro de acogida de Peregrinos

A Xunta inaugurou este luns o centro internacional de acollida de peregrinos, no que se situará entre outros servizos a Oficina do Peregrino, que non se trasladaría a este emprazamento ata febreiro ou marzo do próximo ano se continúa o actual fluxo de peregrinos.

Así o confirmou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, ao finalizar o acto de inauguración, ao que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, entre outras autoridades. 

Ademais, Julián Barrio dixo que o próximo 13 de decembro abrirase unha das portas da catedral, aínda que indicou que aínda descoñece cal será. En calquera caso, explicou que a apertura desta porta, xa sexa a da Quintana ou calquera outra, non se pode confundir coa celebración dun ano Xacobeo.

O novo centro de acollida de peregrinos está situado nun inmoble da rúa Carretas, rehabilitado para tal fin mediante un convenio entre a Fundación Catedral e Turismo de Galicia por 1,5 millóns de euros.

O centro contará cun salón de actos, unha capela, unha área turística, unha biblioteca e centro de documentación para estudos xacobeos, así como locais para asociacións do Camiño de Santiago e unha zona de atención multilingüe, ademais da Oficina do Peregrino.

Núñez Feijóo destacou o concepto "integrador" do Camiño e a hospitalidade dos galegos, proba da cal será o edificio inaugurado, aínda non finalizado, porque "revolucionará a acollida de peregrinos".


"é un soño que parecía inalcanzable fai 25 anos e que hoxe é posible grazas a moita xente", dixo o presidente galego, que incidiu no retorno económico do investimento da Xunta no Camiño.


"Por cada euro que a Xunta inviste Galicia recibe máis de dez", dixo Núñez Feijóo, que agradeceu ao presidente Manuel Fraga que recuperase a tradición do Camiño.


Así mesmo, destacou que "todo parece indicar" que en 2015 poderase "bater a marca de peregrinos a Compostela", cuns 250.000, o que suporía unha "cifra histórica, incluso máis que en ano xacobeo".

Feijóo incidiu en que este centro supón un paso adiante como cartón presentación de Galicia no mundo como "un país moderno e hospitalario, que saúda e acolle a camiñantes fan camiño da vida". Ademais, considerou que esta nova infraestrutura é "simplemente estar á altura de quen" visitan Galicia e será unha herdanza "para as próximas décadas e séculos" polo que deu o parabén "á Igrexa pero sobre todo á humanidade".


Pola súa banda, Julián Barrio asegurou que os peregrinos son unha das preocupacións desde que ocupa o cargo de arcebispo, non só en ano santo, senón tamén en anos ordinarios.


Destacou que o edificio fora solicitado para outros proxectos pero finalmente será sede do centro de acollida, de modo que contribuirá a que Santiago sexa un lugar "espazoso e de portas abertas".


Nun acto que tivo partes relixiosas, coa bendición do centro, Barrio defendeu os datos económicos que o Camiño representa para Santiago, cun impacto en 2013 de 219 millóns, cun gasto medio de 86 euros por peregrino , e de 4.600 empregos.

Comentarios