A onda de calor deixa temperaturas históricas en Galicia

A máxima foi rexistrada en Arbo, con 43,7 graos ► A Xunta mantén activa a alerta en 36 municipios galegos

La playa será uno de los lugares ideales en los que refugiarse del calor. PEPE FERRÍN
photo_camera A xente refúxiase nas praias da onda de calor. PEPE FERRÍN

A onda de calor que afecta a Península desde o xoves está a deixar temperaturas máximas históricas en Galicia, onde a localidade pontevedresa de Arbo volveu a rexistrar a máxima do día, alcanzando os 43,7 graos a media tarde deste sábado. 

En concreto, segundo os datos publicados por Meteogalicia, os case 44 graos de Arbo rexistráronse no lugar de Cequeliños, ás 17.40 horas. A mesma localidade, situada no sur de Galicia e próxima á fronteira, alcanzara xa durante o venres a temperatura de 43,5 graos. 

Tras Arbo, situáronse Remuíño, en Arnoia (Ourense), con 42,3 graos ás 16,40 horas, e Leiro, na mesma provincia, con 42,2; de Areas en Tui (Pontevedra) —40'9 graos— e Salceda de Caselas, con 40,5, tamén en Pontevedra. 

Meteogalicia mantén activa a alerta laranxa por temperaturas máximas superiores aos 39 graos para o domingo na zona do Miño en Ourense, e a alerta amarela, por máis de 36 graos, nas zonas de Valdeorras, o Miño e a zona interior en Pontevedra, o sur de Lugo, a área interior da Coruña e o sur de Ourense. 

Nos momentos de maior calor aconséllase refrescarse cunha ducha ou un baño en auga tépeda

As temperaturas mínimas tamén están a ser excepcionalmente elevadas e nalgúns puntos das comarcas de Vigo e Baixo Miño non descenderon dos 25 graos. Incluso, na cidade de Vigo, a mínima foi de 26. 36

MUNICIPIOS EN ALERTA. A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informou dunha situación de alerta por onda de calor en 36 municipios, estando outros 12 en situación de prealerta. 

Durante o sábado, o nivel de aviso por onda de calor está en nivel 1-0 de Alerta debido a que se cumpriu que durante dúas ou tres días anteriores as mínimas e as máximas foron moi altas, co consecuente problema para a saúde pública que isto supón, apunta a Xunta, xa que se seguen acumulando días de temperaturas extremas tanto polo día como pola noite. 

Os concellos en alerta son os seguintes: Boiro, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Carnota, Cee, Corcubión, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Catoira,Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal, Salvaterra de Miño,Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Cerdedo-Cotobade. 

Continúan en nivel 1A (prealerta): Mos, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas e Redondela. 

A partir do domingo comezaría un lixeiro descenso das temperaturas, sendo o luns e os próximos días un descenso notable. 

O Comité do Plan de Calor está formado, ademais de por a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde pola Vicepresidencia e as Consellerías de Presidencia, Política Social e Medio Ambiente. 

O plan está operativo desde o un de xuño e establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás ondas de calor, aos sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar e define unha sistemática de intervención segundo os niveis establecidos. Así mesmo, tamén fixa as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

RECOMENDACIóNS. Sanidade fai chegar distintas recomendacións aos cidadáns nos días de calor, como beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Tamén se recomenda evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, che ou as moi azucaradas e non realizar comidas copiosas. 

Respecto da vestimenta, aconséllanse pezas e calzado lixeiro e o uso de cremas protectoras solares, lentes de sol e chapeus. No interior dos edificios débese permanecer en espazos ventilados e acondicionados e, durante o día, baixar as persianas e pechar as fiestras, abríndoas pola noite para ventilar. 

Nos momentos de maior calor aconséllase refrescarse cunha ducha ou un baño en auga tépeda e eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. 

No exterior dos edificios, recoméndase evitar realizar deporte nas horas calorosas e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin aos nenos, nin ás persoas maiores, nin a ningún animal de compañía. 

Sanidade recorda que non se debe quedar durmido ao sol e que se deberán utilizar cremas protectoras con índice nunca inferior a quince. 
 

Comentarios