Oubiña: "Durante o meu cativerio non se contou a realidade de como son eu"

O exnarcotraficante presentou este venres as súas memorias ante o Pazo Baión, unha propiedade que, asegura, é "maldita" para el. "O que me pasou aquí foi un roubo xudicial, mediático e político" 

Oubiña en la presentación de su libro, con el Pazo Baión al fondo. DP
photo_camera Oubiña na presentación do seu libro, co Pazo Baión ao fondo. DP

O exnarcotraficante Laureano Oubiña regresou este venres ao Pazo Baión, a que foi a súa propiedade intervida tras o seu procesamiento, en Vilanova de Arousa, para presentar as súas memorias baixo o título Toda la verdad. "Durante todos estes anos do meu cativerio non se contou a realidade de como verdadeiramente son eu", sostivo. 

Laureano Oubiña explicou que a idea de escribir as súas memorias xa a tiña prevista desde o ano 1990, pero que foi agora cando deu o paso de publicalas. Respecto da elección do lugar escollido para realizar a presentación, declarou optar polos exteriores do Pazo Baión porque ese lugar envioulle 32 anos ao cárcere.

"Se eu non me metera no pazo a min non me tería pasado o que me pasou, téñao por seguro", sinalou a preguntas dos xornalistas. "Non veño a gusto a este lugar, que para min esta leira está maldita", dixo. "Veño facer isto porque o que a min me pasou co pazo foi un roubo xudicial, mediático e político", engadiu. 

Neste sentido, manifestou a súa confianza en que os tribunais de España ou de fóra de España recoñezan o dereito das súas fillas ao 50% da propiedade do pazo. O narcotraficante recordou que a súa muller, Esther Lago, faleceu nun accidente de tráfico 14 meses antes de ser xulgada. "Que queden coa miña parte para pagar as multas que teño, de acordo. Pero a parte da miña muller que nunca foi condenada, ¿será das miñas fillas, non?", apostilou.

NON HAI VINGANZA. Laureano Oubiña insistiu en que o libro Toda la verdad conta as súas vivencias, "non a dos demais". É por iso que non cre que ninguén lle vaia a demandar polo contido. Ademais, asegurou que nas súas páxinas non hai nadiña de nada de vinganza. "Non son vingativo nin rencoroso", sinalou. Aínda así recordou que "todo o mundo ten dereito de acudir aos xulgados se ve algo demandable". 

O exnarcotraficante engadiu que xa chegou un momento no que nos xulgados pásao ben. "Excítame, é a miña Viagra", chegou a comentar.

DEMANDA A CARMEN AVENDAÑO. Respecto ao xuízo que se celebrará o mércores 4 de xuño pola demanda que lle interpuxo a Carmen Avendaño, Laureano Oubiña manifestou que acatará "o que o xuíz diga", pero que non está disposto a aceptar o papel de vítima da presidenta de Érguete. 

"¿Que teño que ver eu co victimismo dela? Os seus fillos morreron vítimas da heroína. ¿E alguén viu a esa señora nalgún xuízo no que se estivese xulgando a presuntos traficantes de heroína?", preguntouse. "Eu non a vin en ningún. Gustáballe máis vir aos xuízos nos que puidese pillar máis", abundou.

ARREPENTIMENTO E REINSERCIÓN. ademais, na súa comparecencia Laureano Oubiña ha reconicido que se arrepinte de moitas cousas que fixo na vida. "Claro que hai moitas cousas que non volvería facer", sinalou para despois apostilar que "¿de que serve arrepentirse logo de cometer o delito?". "Non serve de nada. Pero está claro que hoxe non volvería facer moitas cousas que fixen hai anos", abundou. 

Oubiña atende aos medios na presentación do libro

Mentres, unha gargallada foi a resposta cando se lle preguntou acerca de se a súa estancia no cárcere propiciou a súa reinserción. "¿Reinserción nos cárceres españois, que é iso? Ese é un conto para xustificar 90.000 euros por preso e ano", considerou. 

Para Laureano Oubiña a verdadeira reinserción social dáse en centros como o da Asociación San Francisco de Asís, no que prestou servizos. "Eu entrei xa reinsertado. Eu estaba perfectamente reinsertado antes de entrar no cárcere", sentenciou.

ANTES MORTO QUE CHIVATO. Tamén Laureano Oubiña recoñeceu que tivo varias ofertas da Fiscalía para reducir a súa condena a cambio de delatar a outras persoas que participaron con el en operacións de narcotráfico. Pero "antes morto que chivato", declarou. "Non unha vez morto. Se millóns de vidas tivese, millóns de mortes antes que chivato", concluíu. 

Nesta liña, Oubiña recoñeceu que de todas as persoas coas que tivo relación na súa etapa como narcotraficante co único que quedaría é con Sito Miñanco. "Eu non se o que fixo, nin se o fixo, nin me interesa. Amigo meu érao antes e vai seguir séndoo toda a vida. E se eu en algo lle puidese axudar, axudaríalle porque é unha gran persoa", asegurou.

"GALICIA NON É SICILIA". Laureano Oubiña manifestouse en contra da equiparación da Galicia dos anos de auxe do narcotráfico con Sicilia. Recordou que na Comunidade galega o narcotráfico estaba en mans de persoas que viñan do extraperlo e do contrabando de tabaco. "Non viñamos de ningunha mafia. En Galicia nunca houbo mafias nin a violencia que hai en Sicilia. Esa violencia onde si se produce é en Andalucía. E non de agora, senón de toda a vida", sostivo.

CONTRA FARIÑA. Tamén se manifestou en contra á imaxe que del se trasladou na serie de televisión Fariña. "Non ten nada que ver nin comigo nin co que pasou naqueles anos en Galicia", declarou. 

O exnarcotraficante ten interpostas varias demandas contra a produtora da serie e agora está á espera do que ditamine a Xustiza. "Aínda que eu nos xuíces de España non teño fe ningunha", puntualizou. "Espero que poñan a cada un no seu sitio. A min xa me puxeron. Trinta e dous anos", recordou. 

"UN XUBILADO". Preguntado por cales cales son os seus plans de futuro e a que se vai a dedicar, Laureano Oubiña limitouse a sinalar: "Son un xubilado máis que vive da súa pensión como viven outros moitos miles de españois". 

Respecto diso, Oubiña recoñeceu que se planeta editar unha segunda parte deste libro. "Escrita xa está", adiantou. "Pero ata o 2 de setembro débome aos xuíces. Ese día cumpro totalmente a miña condena e a partir de aí, a calzón quitado", concluíu. 

Comentarios