Pablo Casado estará no arranque do curso político en Galicia a próxima fin de semana

Os populares galegos definen a decisión do presidente como "unha mostra máis do seu recoñecemento ao Partido Popular de Galicia"

Pablo Casado. CHEMA MOYA
photo_camera Pablo Casado. CHEMA MOYA

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, estará, o próximo 1 de setembro no tradicional acto de apertura do curso político en Galicia. Un ano máis, o escenario elixido será a Carballeira de San Xusto, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. 

Para os populares galegos, é un "orgullo" constatar a "especial atención" que o líder do PP nacional ten cara a Galicia e cara ao PPdeG, xa que para o inicio da súa campaña interna a presidir o partido xa elixiu, no seu momento, a comunidade. 

"Contar coa súa participación no acto do próximo sábado será, polo tanto, unha mostra máis do seu recoñecemento ao Partido Popular de Galicia", explicaron, nun comunicado, os populares galegos. 

O inicio do curso político en Cerdedo-Cotobade será o punto de partida a un período "intenso e apaixonante", recolle o PPdeG, que culminará coas eleccións municipais de 2019. 

O PPdeG arrinca esta etapa "traballando a pleno rendemento e con todos os esforzos postos en construír proxectos que ilusionen aos veciños de cada recuncho de Galicia", mentres tratan de pór "de manifesto a debilidade de Pedro Sánchez, refén da axenda que lle marquen os nacionalistas vascos, os independentistas cataláns e Podemos, e cun executivo que goberna a costas de Galicia". 

Comentarios