Os pais galegos ven nos deberes unha "falta de respecto" ao tempo do neno

A volta ás aulas reabre un debate que leva anos enfrontando aos proxenitores cos docentes que imparten clase aos seus fillos 

Rapaces e rapazas nunha clase. DAVID FREIRE
photo_camera Nenos nunha clase. DAVID FREIRE

As aulas de infantil, primaria e educación especial de Galicia volverán abrir as súas portas o mércores, logo de case tres meses de vacacións de verán. Un total de 197.457 alumnos —un 0,6% menos que o curso pasado— deixarán atrás a pa e o cubo para tomar o lapis e o papel, e farano envolvidos nunha polémica que se repite cada ano: é necesario que os nenos leven deberes a casa unha vez acabada a xornada?

O vicepresidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, móstrase "totalmente en contra" desta medida. "Deberes non, sen paliativos, en ningún caso. Falando de infantil e primaria deberían estar totalmente prohibidos", proclamaba en declaracións a Europa Press. "Un docente que non é capaz de dar todo o temario en horario de clase terá que preguntarse por que. En moitas ocasións non é culpa súa, necesita axuda porque son demasiados nenos ou porque as peculiaridades da clase impídenlle avanzar adecuadamente", explica, aínda que admite que, noutras ocasións, os deberes están "tan arraigados" que os profesores "non saben" traballar sen eles.

Estas tarefas extraescolares supoñen, en palabras de Lacaci, unha "falta de respecto" cara aos nenos e cara ao seu propio tempo, posto que "non hai ningún presunto beneficio" que compense a "desorganización" na contorna familiar. "Impídenlles, en moitas ocasións, facer o resto de cousas que teñen que facer, que fundamentalmente é xogar", sentenza.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, afirma que, para o profesorado, os deberes forman parte dun "diagnóstico de evolución", a pesar de que son un mecanismo "que ten máis de 200 anos". "Podemos estar de acordo ou non, pero hoxe en día hai outros modelos", apostila. Ademais, Carballo apunta " desigualdade" que xera este modelo entre diferentes nenos e familias, pois "mentres uns pais teñen tempo para axudar aos seus fillos" coa tarefa, "outros non". Os adultos "si deben implicarse", ao seu modo de ver, aínda que "só uns poucos saben que función deben desempeñar" á hora de axudar cos exercicios.

Á parte destas opinións, educadores como o profesor asociado do departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC Francisco Mareque advirten de que a "clave" está no que se entenda por deberes e en admitir que é "absurdo" xeneralizar e encomendar tarefas "iguais para todos os nenos". "Sería coma se a todos os enfermos nun hospital tratáseselles igual, non tería sentido", aclara. "Deberes excesivos vella usanza? Eu non son favorable a eles, pero cada caso hai que estudalo de forma particular, porque si hai nenos que necesitan algún reforzo que lles permita seguir co ritmo ordinario da clase", manifesta neste sentido Mareque. 

Comentarios