O Parlamento galego reclama eliminar a taxa de reposición e contratar máis sanitarios

Unanimidade na Cámara para pedir á Xunta e ao Goberno medidas para unha maior estabilidade laboral na sanidade 
Pleno del Parlamento. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Pleno do Parlamento. LUíS POLO (AGN)

O Parlamento de Galicia aprobou este martes por unanimidade unha moción presentada polo grupo socialista na que se insta á Xunta a apoiar "todas as iniciativas e accións institucionais" que faciliten a retirada da taxa de reposición de persoal sanitario, e a levar a cabo "un programa de contratación de persoal" que "recupere en tres anos as prazas non convocadas" debido a esta limitación.

Este é o principal apartado da iniciativa rexistrada polos socialistas galegos, que saíu adiante cos votos a favor de todas as forzas da Cámara despois de que na redacción orixinal incluísese unha emenda do PPdeG para axilizar e flexibilizar a acreditación de unidades docentes para a formación de médicos residentes, con maior énfase "nas especialidades que se declararon maioritariamente deficitarias", tal e como Medicina de Familia ou Pediatría.

A proposta tramitada tamén reclama ao Goberno galego que convoque todas as prazas MIR habilitadas e que estude a posibilidade de ampliar as prazas da carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, conxeladas nos últimos anos.  A maiores, o Parlamento avoga porque se amplíe o tempo medio de contratación de persoal eventual ata o máximo posible, ademais de que se realice un informe "no prazo dun mes" que avalíe a necesidade de contratar máis persoal e que se presente un rexistro do persoal sanitario estatutario en Galicia xunto a unha relación do contratado de forma eventual nos últimos dous anos.

Pese ao consenso achado á hora da votación, o debate desta moción enfrontou aos grupos da oposición e á forza maioritaria, dado que discreparon acerca da xestión realizada polo Executivo autonómico nesta materia. Julio Torrado, representante do grupo autor da iniciativa, cargou contra a "precariedade" existente no Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante os últimos anos e sentenciou que "a vontade de ser precarizador está no ADN da organización sanitaria que desenvolve o PP".

"Hai un problema de persoal no sistema sanitario: de déficit e precariedade", agregou Torrado, que chegou a cualificar o Sergas como "a peor empresa de traballo temporal de Galicia".

A parlamentaria do PPdeG Encarna Amigo saíu en defensa do modelo sanitario popular e culpou da falta de persoal ás constantes negativas do Goberno central a retirar a mencionada taxa de reposición, a pesar dos anos "que o goberno da Xunta de Galicia vén solicitando esta medida", dixo. "Esperemos que vostede se atreva a porlle algunha tarefa ao seu Goberno", respondeulle Amigo a Torrado, a quen tamén lle pediu máis dilixencia para que o Estado acredite as prazas de formación reclamadas desde Galicia.

O Lexislativo galego tamén deu luz verde esta tarde a outra iniciativa relacionada coa prestación sanitaria, xa que votou de forma unánime en favor de varios puntos doutra moción, neste caso do BNG, vinculada aos plans de continxencia para previr a sobrecarga asistencial. Deste xeito, a Cámara autonómica demandou da Xunta a presentación inmediata dun plan para garantir a atención nos próximos meses, ante o previsible aumento de demanda pola covid-19 e os esperados brotes de gripe.

Xunto a iso, requiriuse ao Executivo autonómico que facilite aos traballadores o material de protección necesario fronte ao coronavirus, ademais de medidas para garantir o funcionamento do servizo telefónico e a posibilidade de asistencia presencial en Atención Primaria.

Polo camiño quedáronse algúns puntos da iniciativa que esixían a contratación de máis persoal, un novo plan de rastrexo e detección precoz de contagios de covid-19, ou a rendición de contas ao Parlamento debido á escaseza de vacinas da gripe para poboación de risco, tras o chamamento a unha vacinación masiva.

En definitiva, resumiu a parlamentaria nacionalista Montse Prado, o obxectivo de todas estas actuacións pasaba "por responder a este aumento exponencial da demanda" adoptando unha "posición activa e non reactiva" fronte aos próximos acontecementos. 

Comentarios