Un petroleiro con 37.000 toneladas de fuel atraca na Coruña tras sufrir unha avaría

O petroleiro na dársena herculina.@puertoacoruna

Chegou remolcado sen contratempos ao Porto Exterior, onde permanecerá varios días

Un petroleiro cargado con 37.000 toneladas de gasóleo atracou este domingo no Porto Exterior de Punta Langosteira da Coruña tras sufrir unha avaría mecánica mentres navegaba fronte á costa do mar Cantábrico. Á primeira hora deste domingo, o buque, de 176 metros de eslora e 31 metros de manga, atracou no porto logo de solicitar abrigo "para evitar problemas maiores" tras detectar un fallo no motor. 

Así, en coordinación con Capitanía Marítima e os diferentes servizos portuarios, o petroleiro chegou remolcado sen contratempos ao Porto Exterior, onde permanecerá varios días para ser reparado.

MÁIS CASOS. Tal e como recordou o Porto da Coruña, non é a primeira vez que as instalacións de Punta Langosteira liquidan situacións similares. En decembro de 2016, o petroleiro Max Jacob atracou tamén cun fallo mecánico, cando navegaba con preto de 150.000 toneladas de fuel. Meses despois, en xullo de 2017, o quimiqueiro Njord Cloud solicitou abrigo en condicións parecidas. 

"Estes feitos pon en relevo a importancia do Porto Exterior non só como axente dinamizador do desenvolvemento industrial da comarca, senón tamén como infraestrutura estratéxica na defensa da seguridade marítima de Galicia e do medioambiente", subliñou a Autoridade Portuaria da Coruña. 

Neste sentido, esta situación, ao seu xuízo, reforza a necesidade de completar as dotacións da nova dársena coa "correspondente" conexión ferroviaria que permita ter un porto "totalmente operativo" no ámbito da conectividad terrestre e a intermodalidad no transporte de mercancías.