Piden 9 anos de cárcere por extorsionar unha menor con difundir imaxes íntimas

A psicóloga do acusado sinala que o procesado manifesta unha baixa capacidade intelectual e que razoa "como un adolescente" 

A Audiencia Provincial da Coruña acolleu este luns o xuízo contra S.F.G., para o que a Fiscalía, no seu escrito inicial, pide unha pena de 9 anos de prisión por un delito de pornografía infantil e abuso sexual.

O acusado, que se acolleu ao dereito de non declarar, conta cunha sentenza do ano 2016 pola que un xulgado de Tarragona condenouno a un total de sete meses de prisión por delitos consumados de abusos sexuais e un en grao de tentativa.

Os feitos polos que se lle acusa ocorreron entre agosto de 2015 e setembro de 2016 cando, segundo consta no escrito da Fiscalía, S.F.G, veciño dunha localidade de Asturias, púxose en contacto cunha menor de 13 anos da comarca ferrolá, a través da rede social Instagram facéndose pasar por unha muller.

O acusado conseguiu que a menor lle enviase dúas fotos súas de contido sexual baixo presións, tal e como declarou a propia vítima, quen testificou que accedeu a enviarlle as fotos "polo abafo" ao que a sometía o acusado.

A partir dese momento o acusado comezou a ameazala con publicar as fotografías e reenvialas aos seus contactos se non accedía a manter relacións sexuais coa persoa que el lle indicase e á que tamén tiña ameazada, segundo declarou a nai da vítima no xuízo.

A nai, tras decatarse do acoso ao que a súa filla estaba a ser sometida a través da orientadora escolar do centro educativo ao que acudía, interpuxo varias denuncias ante a Garda Civil quen conseguiu localizar ao acusado tras identificar o IP do computador desde o que utilizaba as catro contas para acosar á menor.

Na vista deste luns, ademais da vítima, declararon como testemuñas, a nai da menor, os gardas civís que cursaron a denuncia, tanto os de Galicia como os de Asturias, e a psicóloga clínica que trata ao acusado desde hai anos.

Sobre a personalidade do acusado, a psicóloga manifestou que ten unha capacidade intelectual leve e que presenta problemas de autoestima e inseguridade.

Segundo a psicóloga, o acusado presenta ademais unha incapacidade para coñecer o alcance e as consecuencias das súas accións, "e sería o que hai anos coñeciamos como borderline ou trastorno límite da personalidade", declarou.

Ademais dos 9 anos de prisión, a Fiscalía pide dez anos de liberdade vixiada coa prohibición de achegarse á vítima a unha distancia inferior a 1.000 metros; solicita ademais unha indemnización de 1.000 euros.