Piden seis anos de cárcere para un acusado de abusar da súa fillastra

A vítima tiña 12 anos no momento dos feitos

As acusacións —Ministerio Público e Acusación Particular— ratificaron a súa petición de seis anos de prisión xunto coa prohibición de achegarse á vítima a menos de trescentos metros para un acusado de supostos abusos sexuais á filla da súa parella, un home que ve "vinganza" contra a súa persoa.

Durante o xuízo, celebrado na Audiencia Provincial de Ourense a porta pechada, o acusado negou os feitos, informaron fontes xurídicas, e atribuíu o sucedido coa presunta vítima —que entón tiña doce anos— a unha posible "vinganza" da mesma porque a castigaba". Considerou no seu testemuño que "puido malinterpretar" o ocorrido.

Os supostos feitos rexistráronse a principios do ano 2016, despois de que o padrasto da menor, tras unha separación, renovase a convivencia coa nai desta.

No escrito facilitado por fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Fiscalía sostén que o home, "cun claro ánimo libidinoso", aproveitaba que a súa esposa estaba fóra do domicilio para efectuarlle "tocamentos" e tamén que acudiu "en numerosas ocasións" á súa habitación, espido, a cal estaba situada na planta baixa da vivenda, para darlle as boas noites.

Por estes feitos, a Fiscalía solicita para o procesado seis anos de prisión —pena á que se adhire a acusación particular— xunto coa prohibición de aproximarse a menos de 300 metros da vítima ou comunicarse con ela por calquera medio, durante oito anos.

Ademais, solicita a súa inhabilitación "para o exercicio de calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que leve un contacto regular e directo con menores durante oito anos".